Carlos Mella: "O Diario Galego sería un xornal para afeccionados, non para hooligans"

O ex vicepresidente da Xunta e presidente da Fundación Castelao ve o proxecto necesario "para coñecer o país no que estamos" e poder "construír o futuro"

"Non é que O Diario Galego poida aportar nada, é que é absolutamente necesario para coñecer o país no que estamos". Así de contundente é Carlos Mella nas súas declaracións cando é cuestionado sobre a pertinencia dun diario en papel e en galego.

 

O proxecto marcaría un fito ao se tornar no único diario en galego nos quiosques. Mella reflexiona sobre o potencial deste espazo informativo do país e para o país. "A palabra ten poder de creación, mais a palabra escrita é unha palabra pensada. Polo tanto, a realidade queda espetada nela e podemos coñecer o futuro perfectamente, sen esquecementos interesados. Necesitamos, pois, ese instrumento, coñecendo ben o pasado para construír o futuro", explica.

 

Un espazo de discusión e non un campo de batalla. Tirando proveito dun símil futbolístico, o político e escritor declara que desexaría contar cun "xornal para afeccionados e non para 'hooligans'", un Diario Galego que puidese abrir "as fiestras da comprensión e do coñecemento exacto da realidade".