Carlos Jiménez, expedientado pola CRTVG: "A sentenza do TSXG demostra que non debemos axeonllarnos ante o que é unha inxustiza"

O xornalista da Radio Galega Carlos Jiménez leva case 30 anos traballando para os medios públicos. (Foto: Nós Diario)
O xornalista da Radio Galega Carlos Jiménez foi expedientado en 2018 pola CRTVG por mor dunha presunta "incompatibilidade" laboral que agora a Xustiza atribúe á súa participación no movemento 'Defende a Galega'. Jiménez conversa con 'Nós Diario' após coñecer o veredicto e asegura que ninguén o chamou aínda para pedir desculpas. "Só espero que asuman responsabilidades", afirma, convencido de que "a Xustiza neste país funciona" e que cómpre "denunciar todas as inxustizas". O propósito dos 'Venres Negros', subliña, non é "facer dano" á compañía, senón, precisamente, "defender uns medios que son de todas e todos".

—Esta segunda feira transcendeu a sentenza do Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG) que ratifica a condena á Corporación de Radio e Televisión da Galiza (CRTVG) por mor do expediente que lle abrira en 2018 alegando unha incompatibilidade, mais o veredicto asegura que estivo vencellado á súa participación no movemento 'Defende a Galega'. Logo de case catro anos daqueles feitos, que valoración fai desta sentenza?
O tema económico [a CRTVG deberá aboarlle tamén unha multa económica de 6.251 euros] paréceme o de menos. O importante é que restitúan a túa honorabilidade, se alguén podía ter algunha dúbida, e sobre todo despois de tanto tempo, de tantas declaracións incluso en sede parlamentaria do director xeral [da CRTVG, Alfonso Sánchez Izquierdo], dicindo que había que esperar, que era unha primeira sentenza e que non tería por que ir a máis... Dicía que era a súa obriga defender os seus traballadores, supoño entón que a min non me considera traballador desta casa, cando levo case 30 anos nela.

O importante é restituír a miña honorabilidade

Esta sentenza refuta totalmente e de forma moi ben argumentada o que dicía a casa. [O TSXG] condena por algo que é moi grave, vulnerar o dereito á tutela xudicial e á liberdade de expresión, pola miña defensa dos 'Venres Negros'. Isto resarce en parte, pero sigo esperando desculpas e tamén que asuman responsabilidades, porque agora a sentenza si que alcanza unha firmeza. Supoño, e espero, que, como pide o Colexio de Xornalistas da Galiza, non presentarán recurso de casación contra esta nova resolución xudicial. Pero nesta casa non podes esperar nada por anticipado, aínda que pareza o lóxico, porque moitas veces se incumpre.

—O director xeral da CRTVG fala de defender os traballadores. Porén, logo de transcender casos como o seu ou os de Tati Moyano e Alfonso Hermida, teñen a sensación desde 'Defende a Galega' de que non son certas esas palabras?
Non podo falar por todos os compañeiros e compañeiras, pero como persoa que sempre defendeu, valla a redundancia, a Defende a Galega, creo que aquí o único que pedimos que se aplique unha Lei do Audiovisual que foi aprobada en 2011. O director xeral cualificouna en sede parlamentaria de "obsoleto" e dixo que era unha lei "moi cumprida". Cando fala diso penso que fai referencia ao outro significado en galego de "cumprido", pois é unha lei moi extensa.

Unha das principais reivindicacións é o Consello de Informativos. O TSXG afirma absolutamente, con estas palabras, que nesta casa existe manipulación e que se conculcan dereitos fundamentais, no meu caso á liberdade de expresión e a tutela xudicial, pero vímolo tamén con outras compañeiras. Hai casos recentes como o dunha compañeira á que se lle conculcaron dereitos fundamentais polo feito de ser muller, xa que non se lle deu a posibilidade de conciliar a súa vida familiar e laboral e tamén o TSXG resolveu a favor dela. Pero o director xeral afirma no Parlamento que a maioría das sentenzas son favorábeis a esta casa, non sei a cales se refire... El di que son a maioría malia que hai un enorme catálogo de sentenzas en contra.

Se isto acontecese en TV3 abriría todos os telexornais

O único que espero é que asuman responsabilidades despois de que os tribunais dixesen que deben garantir a liberdade de expresión. A min queríanme despedir, que é algo que moita xente esqueceu, amparándose na falsidade, como se demostrou en sede xudicial, dicindo que eu non tiña unha compatibilidade recoñecida, entre outros argumentos peregrinos. Pero quedou demostrado que era unha montaxe para tratar de apartarme. Saín na defensa de Tati [Moyano] como sempre fago coas cuestións que considero inxustas, igual que o fixen con Alfonso Hermida. El puña onte [pola segunda feira] un chío preguntándose que pasaría se isto acontecese en TV3. Abriría os telexornais de toda España e sairía na prensa conservadora e non conservadora. Todos estarían a falar diso, malia que agora non o están a facer a meirande parte de medios a nivel estatal, e iso dá que pensar sobre como está o tema da liberdade de prensa e de expresión na Galiza.

—Os 'Venres Negros' da CRTVG principiaron en maio de 2018, unhas semanas despois de que se mobilizase o persoal de RTVE. Porén, o movemento estatal desconvocouse pouco tempo despois mentres nos medios públicos da Galiza van xa 210 xornadas de protestas, máis de catro anos. Houbo algún avance significativo na consecución das demandas de 'Defende a Galega'?
Ao revés. O tema do Consello de Informativos lévase reivindicando desde hai máis de tres anos e sempre din o mesmo, que está practicamente fechado, que se vai facer seguro, que só faltan algúns apuntamentos... Levamos tres anos escoitando iso, e cando hoxe volvemos escoitar que [a do audiovisual] é unha lei moi cumprida pero tamén "obsoleta" e "superada"... non sabemos a que se refire. Se está tan obsoleta e superada, poñámola en marcha.

Ter un Consello de Inrformativos é algo básico e fundamental. De existir, casos como o meu non chegarían a onde chegaron, a ter que defenderme eu nos xulgados. Só a xente máis próxima a min sabe o mal que o pasei, non porque tivese ningunha dúbida da miña forma de actuar ou da profesionalidade, senón porque levo case 30 anos nesta casa, vounos cumprir en setembro, e dá moita raiba. Compañeiros e compañeiras de toda cor e condición estiveron ao meu lado e asinaron para que me retirasen o expediente. Co Consello isto non pasaría, nin tampouco habería esta manipulación informativa que denunciamos desde 'Defende a Galega'.

—Recibiu algunha chamada por parte da corporación após coñecerse este veredicto?
A nivel oficial, ninguén. Recibín moitas chamadas de compañeiros e compañeiras, e algunha chamada tamén que me reconfortou por vir de onde viña, pero a nivel oficial, ningunha. Sei que é unha quimeira e que teño que esperar sentado, pero chegados a este punto penso que sería o mínimo, por unha cuestión xa de humanidade, de recoñecer os erros e admitir que aquí pasou isto e que erraron, que a bóla foi medrando e que o 'quentón' dunha persoa acabou nisto.

Ninguén me chamou aínda e penso que é o mínimo, por unha cuestión de humanidade

Isto é negativo para a propia empresa, porque dá unha imaxe negativa da CRTVG. Quen traballamos aquí estamos loitando, e non se debe esquecer nunca, por esta compañía, porque cremos que é de todos e de todas, de aí o nome de 'Defende a Galega'. En ningún caso buscamos facer dano. O único que nos preocupa é isto, que as sentenzas non deixan títere con cabeza e os únicos que continúan nos seus cargos a pesar da súa inacción ou mala praxe son eles, e tratan de silenciar os traballadores. Recentemente unha sentenza obrigou a indemnizar con 170.000 euros un alto cargo directivo desta casa. Dicir que nunha empresa como esta están en fraude de lei os propios directivos, nomeados a dedo, é moi significativo do que pasa.

—Esta sentenza dará pulo ás súas reivindicacións?
É moi importante. Houbo outro fito, cando nos deron o premio José Couso, que foi tamén demostrativo de como actúa a casa, xa que non o emitiu. Cando o gañara Julia Otero fixeran unha reportaxe, como en edicións anteriores. E esa vez, sorprendentemente, non se emitiu.

A sentenza demostra que a Xustiza neste país funciona, algo do que eu estou totalmente convencido. Debe servir para que a xente vexa que non debe axeonllarse ante o que é unha inxustiza. Hai que seguir loitando e reivindicando e esperamos que algún día poidamos deixar de vestir estas camisolas negras. Obsoleta ou non, con que a lei se cumpra xa nos daremos por satisfeitos.