O verán de...

Carlos Blanco: "Non veñades á Illa de Arousa, está saturada"

O actor arousán Carlos Blanco (Foto: Nós Diario).
Entrevistamos o actor Carlos Blanco no caderno Máis, o suplemento de verán de Nós Diario.

—Cóntenos acerca do seu momento actual. En que proxectos está a traballar?
Tanto no persoal como no profesional estou nun momento marabilloso. Hai tempo que aprendín a dicir que non, e cando me piden e non dou, sei rexeitalo. Agora estou rodando unha serie chamada Santiago con outros actores portugueses e doutros países. Eu interpreto un crego galego e o director da serie permitiume usar o galego na rodaxe, algo que me fai moita ilusión.

—Daralle tempo a gozar destes días de verán?
Si, estouno facendo. Eu vivo na Illa de Arousa e mentres estea aquí xa gozo da vida.

—Cal é a súa praia ou paraíso natural fetiche?
Non debo dicir a Illa de Arousa porque vivo nela, mais sería este o meu lugar fetiche. Con todo, Para información xeral, a Arousa está saturada, non veñades, sobra xente.

—É dos que está debaixo do parasol?
Do parasol non, mais si me gusta estar á sombra, tamén porque pola miña profesión non podo pórme moi moreno. Sempre busco praias que teñan sombra e que sexan nudistas a poder ser porque non teño bañador.

—Onde non iría nunca de vacacións?
A onde haxa moito barullo. Fatígame estar en lugares onde hai moita xente, lévoo moi mal. Aínda que hoxe en día é difícil ir a un sitio onde non haxa demasiada xente, o turismo é un fenómeno moi complexo.

—Un souvenir que adoite comprar?
Ningún. Os meus souvenirs están na miña memoria e no meu corazón. 

—Unha viaxe que teña gravada como 'a viaxe'?
Unha que fixen nun coche pequeno percorrendo todo o nordeste do Brasil durante un mes e medio.

—Manda postais cando está fóra?
Só a un bo amigo que ten parálise cerebral e ao que lle fai moita ilusión recibir postais miñas.

—Un festival ou cita cultural ao que non falle?
Os que organizamos na Illa. O Mar Nunha Flor e o Cultura nos Cons, como os organizamos teño que estar e ademais case sempre actúo neles.