Carlos Babío: "Sen memoria, non habería movementos sociais que puidesen reivindicar Meirás"

Carlos Babío en Meirás.
Con máis de dúas décadas dedicadas a documentar o espolio que supuxo a doazón do pazo de Meirás, no concello de Sada, ao xeneralísimo, o investigador Carlos Babío recibe a sentenza que obriga a familia Franco a devolver a propiedade ao Estado español como un éxito da sociedade civil galega.  

Que valoración fai da resolución xudicial?

É unha sentenza histórica, porque é primeira vez que o Estado español en sede xudicial ten en consideración o contexto no que se dan determinados feitos históricos, neste caso abusos do franquismo, a corrupción dun réxime. Non esquezamos que o franquismo foi unha ditadura, un réxime totalitario inicialmente asentado no fascismo, e eses réximes funcionan na medida en que son corruptos e exercen a represión contra a cidadanía. 

Que cambia nesta sentenza?

Os tribunais de xustiza tiñan como maneira de funcionar o recoñecemento do franquismo como un período normal, asimilábel a unha democracia, mesmo o golpe de Estado do 36. Esta sentenza vén facer un relato histórico alternativo ao que nos deixou o franquismo, cambia o relato e reconstrúe o que realmente pasou en Meirás, recoñecendo os abusos e a autoproclamación dun xefe de Estado e ese mal chamado agasallo a Francisco Franco, que non existiu, porque o que se lle entrega, froito da corrupción e da represión exercida polas Autoridades sublevadas coruñesas, é unha doazón dun ben á xefatura do Estado.  Ademais, a sentenza recoñece algo que viñamos dicindo desde hai moito tempo, a través de toda a reconstrución documental, que é que ese pazo funcionou a todos os efectos como unha residencia oficial de verán do xefe do Estado, da mesma maneira que funcionaba o pazo do Pardo como residencia de inverno. O Estado pagaba o todo, sufragábanse igual. A diferenza é que O Pardo é un ben de dominio público. Meirás, desde onte, está máis perto de selo. 

A Avogacía do Estado apóiase na súa investigación e documentación e a propia sentenza recoñece as reivindicacións sociais contra a posesión por parte dos Franco. Cal é o papel da sociedade civil na recuperación do pazo de Meirás?

A sociedade civil galega é a verdadeira protagonista. É quen consegue reverter ao patrimonio público este ben. A sentenza non tería sido posíbel sen a reivindicación social, xa desde a morte do ditador en 1975. E é fundamental a memoria que persistía sobre o abuso que supuxo a adquisición e entrega ao ditador e o seu uso. Se non existise memoria non habería movementos sociais que o reivindicasen. Hai que agradecer a memoria que nos transmitiron os nosos avós, que miraron de fronte represión, miraron aos ollos ao odio, á barbarie e ao terror. Á nosa xeración tocoulle rachar coa impunidade que representaban esas nove hectáreas. Esa reclamación social e a recuperación documental que se fixo levou tamén, nun momento determinado, a que existise unanimidade social e mesmo política. En poucas ocasión vimos unha unanimidade como a que logrou nos últimos anos arredor do pazo de Meirás; en entes como a Deputación da Coruña, impulsora dos primeiros informes histórico xurídicos  da man de Goretti Sanmartín, e co traballo intenso e comprometido do BNG [Babío foi concelleiro por esta formación en Sada]. Non esquezamos que aínda hoxe a familia Franco pide nos tribunais centos de anos de cadea por un acto reivindicativo da devolución da propiedade… Esta sentenza dános a razón a todas e a todos.

Vostede mesmo enfróntase a litixios iniciados polos Franco.

Xa é unha irregularidade en si que un teña que sentar no banco dos acusados por supostas inxurias a un ditador, e moito máis cando hai unha primeira sentenza, a instancias dun poder público, baseada nos estudos que realizamos Manuel Pérez Lorenzo e mais eu que nos dá a razón no noso relato. Se xa era inaudito antes, agora non sei nin que cualificativo empregar. 

Cal debería ser a función do pazo, unha vez se restitúa ao patrimonio público?

A demanda está formulada pola Administración Xeral do Estado, á que a Xustiza entregará o ben. Creo que o primeiro paso debería ser que esa Administración o devolva ao seu lexítimo propietario, que son os galegos e as galegas, a Administración autonómica. A partir de aí, o pazo é moi grande, nove hectáreas de terreo, varias edificacións á parte das torres, e hai lugar para múltiples contidos, pero, en primeiro lugar, ten que haber un espazo reservado á memoria democrática e ao recoñecemento das vítimas da represión. Sendo obrade Emilia Pardo Bazán, podería ter tamén un espazo reservado, e usos municipais ligados ao Concello de Sada, como de desenvolvemento turístico, ou ser sede para a futura gobernanza da área metropolitana da Coruña, como propuxo sendo alcalde Abel López Soto. Mesmo a Unesco chegou a falar dun espazo para a paz e a concordia.

Un recoñecemento ás vítimas do franquismo

"Existen moitas maneiras de reprimir e unha democracia que mantén en silencio a memoria das persoas reprime novamente a quen xa sufriu a represión no contexto dun réxime fascista", sinala o historiador cando se lle pregunta polo que representa, a nivel persoal, a resolución da maxistrada Marta Canales. Para el, o ditame supón "un recoñecemento das vítimas, non tanto a nivel persoal como colectivo".

"Foi o que primeiro se me veu á mente, recuperar o nome destas persoas, recoñecelas e dignificalas. Na obra Meirás: un pazo, un caudillo, un espolio –publicada xunto co historiador Manuel Pérez Lorenzo– dedicamos bastantes páxinas a recompilar memorias sobre procesos represivos contra persoal, como foi o caso da miña avoa e outros, e na sentenza queda recollido ese recoñecemento".