Carballo desenvolverá unha comunidade enerxética local

Máis de 50 persoas acudiron onte ao acto no Fórum Carballo. (Foto: Concello de Carballo)
O municipio presentou esta sexta feira o estudo previo

As comunidades enerxéticas "non son máis que un grupo de persoas, empresas e incluso institucións públicas que se xuntan para, baixo un modelo de participación aberto, voluntario e igualitario, desenvolver proxectos que teñan a ver coa enerxía", explicaba no ano 2022 Xosé Manuel Golpe Acuña, consultor enerxético, nas páxinas de Nós Diario.

Pois ben, precisamente Golpe Acuña foi un dos relatores que presentaron no Fórum Carballo o estudo para a implantación dunha comunidade enerxética local no municipio da comarca de Bergantiños. "A primeira que queremos pór en marcha no noso concello", sinalou ao respecto o concelleiro de Innovación, Fondos Europeos, Formación, Emprego e Axenda Urbana, Iván Andrade.

A xornada reuniu máis de 50 persoas, "mostra do crecente interese por este sistema de xeración de enerxía para autoconsumo". Segundo o estudo de viabilidade realizado, a capacidade fotovoltaica actual de todo o territorio de Carballo permitiría abastecer 19.400 vivendas.

Andrade presentou unha simulación feita a partir de datos reais no edificio Fórum Carballo, que cualificou como "un punto idóneo dado que todas as cubertas son planas e case non hai sombra". Deste modo, explicou o concelleiro, "poderían instalarse 184 paneis, que xerarían a enerxía suficiente para 34 vivendas cunha instalación tipo de 100 quilowatts á hora".

Do Fórum ao resto do territorio municipal

O proxecto promovido polo Concello de Carballo estabelece o Fórum como un punto de partida para estender o servizo a todo o territorio municipal

"Ademais de favorecer a transición á descarbonización do noso sistema enerxético, a comunidade enerxética local fará posíbel a produción de enerxía dun modo local e máis sostíbel, así como a optimización dos investimentos públicos e privados en enerxías renovábeis, almacenamento e redes eléctricas", explicaron ambos os relatores.

Á comunidade enerxética local poderán adherirse tanto a cidadanía a título particular coma empresas ou outras institucións. "O proxecto implica que para ser membro do colectivo non será precisa a colaboración económica da veciñanza, que, sen embargo, poderá beneficiarse de aforros na factura eléctrica", concluíu Andrade.