Carballo acolle unhas xornadas sobre sexualidade e diversidade funcional
Íntegro e Máis Porvir organizan unha acción formativa o día 29 no Fórum Carballo.
A asociación Íntegro, en colaboración con Máis Porvir Xestión Social, organiza un encontro formativo e divulgativo que se desenvolverá o sábado 29 de novembro en Carballo, na comarca de Bergantiños, baixo o título de "Sexualidade sen barreiras".
A actividade está dirixida a profesionais, familias, persoas con diversidade funcional e público xeral. Neste sentido, os organizadores, apuntan que "pretenden ofrecer un espazo seguro para abordar a educación afectivo-sexual, o pracer, o consentimento e os dereitos sexuais desde unha perspectiva inclusiva e respectuosa".
O encontro, que combina faladoiros e espazos de debate para favorecer a participación activa e o intercambio de coñecementos, busca "ofrecer ferramentas prácticas para o acompañamento afectivo e sexual, e promover espazos seguros e técnicas de intervención centradas na autonomía, o respecto e o consentimento".
"A sexualidade como parte integrante do benestar"
As entidades promotoras subliñan que "tratar a sexualidade como parte integrante do benestar é un paso necesario para garantir o pleno exercicio dos dereitos das persoas con diversidade funcional e avanzar nun modelo social máis inclusivo".
A primeira das palestras correrá a cargo da psicóloga Paula Pombar Pérez, quen achegará unha reflexión sobre a importancia de abordar o pracer e a saúde sexual desde a perspectiva das persoas con diversidade funcional, destacando a necesidade da educación afectivo-sexual e do acceso a recursos especializados.
A sexóloga e educadora social Sofía Torres Fernández analizará na súa intervención as necesidades e os dereitos das persoas que precisan grandes apoios, abordando como acompañar desde a empatía, a protección dos dereitos e a promoción da autonomía emocional e sexual.
O programa FADAS
A traballadora social Verónica Ramilo Graña presentará o programa FADAS e das súas liñas de traballo como alternativa para a aplicación de programas de educación sexual en entidades sociais.