O Carballiño esixe á Xunta que non o deixe sen pediatría

Vista da manifestación do Carballiño. (Foto: Noa Presas).

Pais e nais acudiron á protesta con carriños para denunciar a situación de indefensión na que se atopan os nenos e as nenas.

O Carballiño acolleu hoxe unha manifestación en defensa da sanidade pública, e en concreto do servizo de pediatría.

A veciñanza, congregada diante da igrexa de veracruz, iniciou un percorrido até a praza Maior no que foron lexión os pais e nais tirando de carriños de bebé. 

Convocada pola Plataforma en defensa da sanidade pública do Carballiño, o seu obxectivo é reclamar á Xunta da Galiza o restabelecemento da asistencia pediátrica na localidade.

Pese a que, ademais do propio concello do Carballiño, o centro de saúde da capital comarcal dá servizo a Beariz, Boborás, Maside, O Irixo, Piñor, Punxín, San Amaro e San Cristovo de Cea, unha das dúas prazas de pediatría que ten adscritas permanece vacante desde hai un ano por xubilación dun profesional.

Iso significa que as crianzas da zona só contan co servizo dun médico con especialidade de puericultura a media xornada, emprazado no Punto de Atención Continuada (PAC) do Carballiño.

Neste sentido, a voceira do colectivo, Paula Fernández, sinalou a Nós Diario que os pais e nais da comarca vénse "obrigados, para darlle atención pediátrica aos fillos e fillas, a acudir a urxencias ao hospital de Ourense ou acudir aos dous pediatras privados que teñan consulta aberta no Carballiño”.

Ademais, apuntou que “a sanidade privada ten que ser unha opción para as persoas e non pode converterse nunha obriga como acontece actualmente na comarca". Asemade, destaca o apoio unánime ás súas demandas por parte do pleno do Concello do Carballiño.