O capitán do 'Pitanxo' presenta un informe para acreditar que a parada do motor foi a causa do naufraxio

O patrón do 'Vila de Pitanxo', Juan Padín, e mais o seu sobriño, o mariñeiro Eduardo Rial, á súa chegada á Audiencia Nacional. (Foto: Jesús Hellín / Europa Press)
Con "datos obxectivos", o documento presentado por Juan Padín pretende analizar as diferentes versións que contaron os sobreviventes da traxedia.

A defensa do capitán do pesqueiro galego Vila de Pitanxo, Juan Padín, presentou ante a Audiencia Nacional un informe para tratar de acreditar que a parada do motor foi a causa do naufraxio do buque, que afundiu o pasado 15 de febreiro a 450 quilómetros da costa de Terranova (Canadá), acabando coa vida de 21 dos 24 mariñeiros a bordo.

Con "datos obxectivos", o documento pretende analizar as diferentes versións que contaron os sobreviventes da traxedia.

Por unha parte, Padín e o seu sobriño, Eduardo Rial, defenden que durante a manobra de virado do aparello o motor parou, quedando o barco exposto ás ondas, polo que comezou a entrar auga até que afundiu.

Con todo, o outro sobrevivente, Samuel Kwesi, declarou nun primeiro momento o mesmo que Padín e Rial, mais despois mudou a súa versión (asegurando que fora forzado polo capitán e a armadora para contaren os tres a mesma historia) e indicou que o aparello se enganchou ao fondo do mar e, como consecuencia de que o patrón seguiu forzando a máquina para liberar o embarre, o barco escorou e provocou a parada da máquina, a entrada de auga e o consecuente naufraxio.

A investigación

Para a súa análise, o perito utiliza os datos de localización en tempo real que o Vila de Pitanxo enviaba a terra informando da súa situación e da velocidade á que navegaba.

Así, nas súas conclusións, o profesional asegura que entre as 03.48 e as 03.50 horas da madrugada do 15 de febreiro, o buque navegaba a unha velocidade media de 3,4 nós, "usual de faenas de arrastre e incompatíbel cun embarre do aparello no fondo".

No intervalo que vai desde as 03.50 ás 04.22 horas, a velocidade media pasou a ser de 2,06 nós e o rumbo cambiou de Norte-Nordeste a Leste-Nordeste, "consistente con que o buque fique sen propulsión e á deriva".

Pola súa parte, o informe defende que a velocidade de 4,4 nós que reflicte a última posición da caixa azul "non se corresponde coa velocidade á que realmente navegaba o buque entre as dúas últimas posicións, é materialmente imposíbel, senón que esa velocidade é puntual do segundo no cal se reporta a posición e a única explicación é que se corresponda coa baixada dunha onda e co arrastre do forte vento e ondada".

As familias

Precisamente sobre este informe falou María José de Pazo, portavoz das familias dos mariñeiros falecidos, que indicou que o que sempre solicitaron é que se investigue a causa "e que se esclareza todo o posíbel" sobre o ocorrido na madrugada do pasado 15 de febreiro.

A pesar de non querer entrar a valorar o informe, en declaracións aos medios de comunicación De Pazo subliñou que tras 10 meses da traxedia "ficou claro quen nunca tivo medo a que se soubese a verdade", reivindicado que os familiares sempre pediron que se investiguen os feitos.