A Comisión de Peticións do Parlamento Europeo analizará esta terza feira a solicitude das familias das vítimas do 'Vila de Pitanxo' de baixar ao pecio para obter probas gráficas da situación do mesmo e así clarificar as posíbeis causas do accidente.
Segundo informou o Parlamento Europeo, unha das denuncias que analizará na próxima reunión da comisión de Peticións será a formulada polos familiares dos 21 falecidos no naufraxio do pesqueiro galego o pasado 15 de febreiro a 450 quilómetros das costas de Terranova (Canadá).
As familias solicitan que se investigue se as autoridades españolas estarían a infrinxir a lexislación europea sobre transparencia mediante a ocultación de información. Piden, ademais, que se descenda até o barco para levar a cabo unha gravación que permita obter evidencias que poidan clarificar as causas do seu afundimento.
Representantes de 17 familias dos falecidos anunciaron que acudirán a Bruxelas para estar presentes na sesión que terá lugar mañá ás 16.45 horas.
"Humanidade e xustiza"
Neste sentido, a portavoz das familias, María José de Pazo, indicou que confía en que todos os grupos voten a favor das súas peticións porque son "de humanidade e xustiza". Por agora contan co apoio explícito de Izquierda Unida (IU), cuxa eurodeputada Sira Rego é membro da Comisión de Peticións.
Tras reunirse con diferentes representantes europeos, De Pazo espera que "manteñan o seu compromiso" e que a iniciativa saia adiante "de forma unánime" xa que, ao seu xuízo, quen non vote a favor "quedaría retratado".
A voceira das familias subliñou que considera que teñen o apoio das directivas europeas e que ao Goberno "xa non lle quedan escusas" para non baixar ao pecio, xa que a propia Comisión Permanente de Investigación de Accidentes e Incidentes Marítimos (CIAIM) recoñeceu que sería útil descender ao barco afundido.
A través dun comunicado, a eurodeputada de IU Sira Rego (membro do Grupo Confederal da Esquerda Unitaria Europea/Esquerda Verde Nórdica) asegura que, tras ter recibido estes días un "amplo dossier" das familias, debe investigarse "non só este accidente, senón tamén as condicións laborais e de seguridade coa que faenan os centos de mariñeiros nos diferentes caladoiros e nas diferentes empresas armadoras".
Naufraxio
O pesqueiro galego 'Villa de Pitanxo' naufragou o pasado febreiro a 450 quilómetros das costas de Canadá. Faleceron 21 dos 24 mariñeiros a bordo do buque, co que se converteuse no accidente marítimo máis tráxico da historia recente da Galiza e do Estado.
Após o suceso, as familias dos falecidos non deixaron de solicitar que se investiguen as causas do ocorrido, xa que os tres sobreviventes deron explicacións distintas e, en ocasións, contraditorias sobre o acontecido na madrugada do 15 de febreiro minutos antes do afundimento do barco.
Mentres que o patrón do buque, Juan Padín, e o seu sobriño, Eduardo Rial, sosteñen que o motor do barco parou de forma repentina, provocando a entrada de auga debido a estar á deriva durante unha tormenta, o terceiro sobrevivente asegura o contrario.
Samuel Kwesi declarou que as redes do barco se engancharon no fondo do mar, polo que o capitán estaría a tratar de desembarrar cando comezou a entrar auga. Máis tarde, pararía o motor, quedando o buque á deriva.
Por iso, a Audiencia Nacional investiga o caso, sendo Juan Padín o único investigado na causa pola posíbel comisión de 21 homicidios por imprudencia.