Case 4 mil hectáreas queimadas polos incendios

[Imaxe do incendio en Arbo via @BrifLaza]

Mantense o nivel 2 de alerta en Fecha (Compostela), Xuño, Baroña e Caamaño (Porto do Son), Toba (Cee), Albeos (Crecente) e Mourentán (Arbo) onde as lapas se atopan moi próximas ás vivendas. 

Segundo a información feita pública esta quinta feira (11 de agosto) pola Consellaría de Medio Rural, a Xunta de Galiza mantén como "medida preventiva" por mor dos incendios forestais, o nivel 2 de alerta en sete parroquias. Trátase de Fecha (Compostela), Xuño, Baroña e Caamaño (Porto do Son), Toba (Cee), Albeos (Crecente) e Morentán (Arbo) onde tamén foron desaloxadas das súas vivendas, pola proximidade das lapas, máis de 700 persoas a pasada noite. 

O lume atinxe 13 concellos do país entre incendios descontrolados e estabilizados. Nalgúns lugares como Cotobade, as lapas mantéñense desde hai tres días. Desde a segunda feira arderon perto de 4 mil hectáreas segundo as estimacións do goberno galego. 

Por localidades, a situación é a seguinte, segundo notificaron as autoridades de Medio Rural que só dá conta daqueles lumes que superan as 20 hectáreas ardidas. 

 

Lumes en “Situación 2”

Compostela
Permanece decretada a “Situación 2” no incendio rexistrado no concello de Compostela, parroquia de Fecha, pola proximidade do lume ao núcleo de Vilar do Rei. O lume iniciouse ás 12:25 horas do mércores e permanece activo arestora. Segundo as últimas estimacións, a superficie afectada é dunhas 500 hectáreas. No lugar levan traballado 1 técnico, 8 axentes, 22 brigadas, 11 motobombas, 3 pas, 6 helicópteros e 4 avións. Tamén colaboran efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME).

Arbo
Tamén está activo desde as 20:23 horas de onte un lume no concello de Arbo, parroquia de Mourentán. Segundo as primeiras estimacións, a superficie afectada está nunhas 500 hectáreas. Alí traballan 1 técnico, 2 axentes, 12 brigadas, 8 motobombas, 1 pa e 1 helicóptero.

Porto do Son (parroquias de Baroña, Xuño e Caamaño)
Segue decretada a “Situación 2” no incendio iniciado no concello de Porto do Son, parroquia de Baroña, que tamén afecta ás de Xuño e Caamaño, pola proximidade do lume ao núcleo do Castro. Este lume uníuse ao que estaba localizado nas parroquias de Xuño e Caamaño e xuntos afectan a unha superficie provisional dunhas 500 hectáreas. No lugar levan traballado 2 técnicos, 10 axentes, 24 brigadas, 17 motobombas e 4 helicópteros. Tamén colaboran efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME).

Cee
Decretada a “Situación 2” no incendio rexistrado no concello de Cee, parroquia de Toba, pola proximidade do lume ao núcleo do Sembra. Este lume iniciouse ás 18:25 horas de onte e segundo as primeiras estimacións, a superficie afectada é dunhas 180 hectáreas. No lugar están traballando 7 axentes, 15 brigadas e 8 motobombas.

Crecente
O lume no concello de Crecente, parroquia de Albeos, comezou ás 17:52 horas da tarde de onte e permanece activo. Segundo as primeiras estimacións, a superficie afectada é dunhas 200 hectáreas. Participan na súa extinción 2 axentes, 8 brigadas, 6 motobombas e 1 helicóptero.

Avión
Decretada a “Situación 2” no incendio rexistrado no concello ourensán de Avión, parroquia de Nieva, pola proximidade do lume ao núcleo de Porreira. Este lume uníuse ao rexistrado na parroquia de Avión. Segundo as últimas estimacións, a superficie afectada total é dunhas 400 hectáreas. O lume comezou ás 16:51 horas de onte e permanece activo. No lugar están a traballar 1 técnico, 8 axentes, 22 brigadas, 12 motobombas, 4 pas, 6 helicópteros e 2 avións. Tamén colaboran efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME).

Lumes activos

Soutomaior-Soutomaior
Permanece activo outro incendio en Soutomaior, parroquia homónima, no que estivo decretada a “Situación 2” e xa foi desactivada, por proximidade do lume ao núcleo de San Martiño de Ventosela, no concello de Redondela. O lume iniciouse ás 16:01 horas do martes. Segundo as últimas estimacións, a superficie afectada é dunhas 230 hectáreas e no seu control traballan 2 técnicos, 16 axentes, 32 brigadas, 27 motobombas, 2 pas, 14 helicópteros e 3 avións. Tamén colaboran efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME).

Soutomaior-Arcade
Decretada a “Situación 2” no incendio rexistrado no concello de Soutomaior, parroquia de Arcade, pola proximidade do lume ao núcleo de Xunqueiriñas. O lume comezou ás 18:02 horas de onte e permanece activo. Este lume uníuse ao rexistrado no concello de Pontevedra, parroquia de Ponte Sampaio. Segundo as primeiras estimacións, a superficie afectada total é dunhas 180 hectáreas. No lugar están a traballar 2 técnicos, 8 axentes, 13 brigadas, 9 motobombas, 1 pa, 5 helicópteros e 4 avións.

Vimianzo
Activo desde as 23:46 horas de onte o lume rexistrado no concello de Vimianzo, parroquia de Carnés. Segundo unha primeira estimación, a superficie afectada é dunhas 70 hectáreas. Traballan no lugar 1 técnico, 2 axentes, 5 brigadas e 5 motobombas.

Cotobade
Permanece activo un incendio rexistrado no concello de Cotobade, parroquia de Viascón, desde as 20:21 horas de onte. Segundo as primeiras estimacións, a superficie afectada supera as 20 hectáreas. No lugar están a traballar 4 axentes, 7 brigadas, 7 motobombas e 2 pas.

Lumes controlados

Fisterra
Ademais, rexistrouse tamén un lume no concello coruñés de Fisterra, parroquia de Duio, controlado dende as 10:52 horas, cunha superficie afectada estimada en 28 hectáreas. Comezaba ás 02.35 horas de onte e na súa extinción levan traballado 4 axentes, 11 brigadas, 6 motobombas e 1 helicóptero.

Pontevedra
Controlado ás 14:38 horas o lume rexistrado ás 23:35 horas de onte no concello de Pontevedra, parroquia de Lérez. Segundo as últimas estimacións, a superficie afectada é de 17 hectáreas. No seu control traballaron 1 técnico, 5 axentes, 10 brigadas, 7 motobombas, 1 pa e 1 helicóptero.

Cotobade
O lume iniciouse ás 17:20 horas do luns na parroquia de Tenorio e permanece controlado desde as 10:45 horas de onte. Segundo as últimas estimacións provisionais, a superficie afectada é de 365 hectáreas, das cales 255 son arboradas e 110 de monte raso. Na súa extinción levan traballado 3 técnicos, 20 axentes, 38 brigadas, 18 motobombas, 7 pas, 15 helicópteros e 3 avións.

Mondariz
Tamén permanece controlado o incendio forestal rexistrado no concello pontevedrés de Mondariz, parroquia de Queimadelos. O lume comezou ás 22:16 horas do luns e quedou controlado ás 11:30 horas de onte. Segundo as últimas estimacións, a superficie afectada é de 200 hectáreas, 160 de arborado e 40 de raso. No lugar levan traballado 2 técnicos, 12 axentes, 38 brigadas, 25 motobombas, 2 pas e 5 helicópteros.

Caldas de Reis
Permanece controlado dende as 09:00 horas de onte o lume localizado no concello pontevedrés de Caldas de Reis, parroquia de Saiar. O lume iniciouse ás 15:51 horas do luns e, segundo as últimas estimacións provisionais, a superficie afectada é de 300 hectáreas de arborado. Na súa extinción levan traballado 3 técnicos, 19 axentes, 37 brigadas, 19 motobombas, 2 pas, 11 helicópteros e 2 avións.

Foron extinguidos os incedios de Cerceda e Rois.