As Urxencias do Hospital de Montecelo colapsan e desde a dirección piden "non acudir por cadros leves"

Hospital de Montecelo, en Pontevedra. (Foto: Nós Diario)
O sindicato CESM Galiza denuncia que 40 pacientes tiveron esperas de até 24 horas por unha cama na última semana pola falta de profesionais.

Até 40 pacientes tiveron, na última semana, esperas de até 24 horas para que se lles asignase unha cama nas Urxencias do Hospital de Montecelo (Pontevedra). A situación, denuncia nun comunicado a Confederación Estatal de Sindicatos Médicos (CESM) na Galiza, é de "caos".

Neste senso, a entidade subliña que, co volume de ingresos da pasada semana, chegaron a contabilizarse até 200 pacientes diarios, o que propiciou un "colapso funcional" do servizo. Na mañá desta mesma segunda feira, debido a esta situación, a dirección médica avogou por trasladar 29 persoas doentes pendentes de ingreso —13 delas con Covid-19— ao Hospital do Salnés.

Ao xuízo da CESM, tras este colapso áchanse diferentes factores, a comezar pola "sobrecarga do servizo de Medicina Interna coñecida desde hai meses", os "atrasos acumulados polas ambulancias que trasladan pacientes de Montecelo ao Provincial —até 10 horas—" e o fechamento de camas no verán para "aforrar persoal e gasto".

Todo isto engádese ao "colapso que padece a Atención Primaria, por falta de recursos humanos", o que para este sindicato ten como consecuencia que os pacientes "acodan ao hospital directamente sen filtro ningún", nun momento no que a incidencia da Covid-19 está en "aumento exponencial" e as vacacións de verán provocan numerosos desprazamentos.

O Sergas pide aos facultativos que recomenden á poboación non ir a Urxencias por "cadros leves"

A situación chega a tal punto que "desde o servizo de Urxencias pídese aos facultativos que comuniquen á poboación que non acoda por iniciativa propia por cadros leves", xa que iso, entenden desde a xerencia, "dificulta a atención dos pacientes realmente graves".

CESM Galiza subliña que isto é consecuencia "dos centros de saúde saturados, con citas a máis de sete días, vacacións de facultativos que non se cobren, prazas de médico de familia sen cubrir de maneira estábel desde hai meses, quendas sen profesional ningún...". "Unha morea de despropósitos que fan que a Atención Primaria practicamente desaparecese", engaden.

"Non é que non haxa médicos, é que a Administración nunca se preocupou de incentivar a Primaria, de maneira que, no canto de atraer os facultativos e os novos MIR, o que consegue é que quen están nesas prazas pidan traslado a outros destinos onde a súa profesionalidade e traballo estean xustamente recoñecidos, ou acaben por abandonar a sanidade pública", lamenta o sindicato.

Por iso, CESM insta o Sergas a adoptar "medidas urxentes" para "frear a deterioración abafante que sofre a sanidade pública por falta de medios, salientando que 25% dos médicos de familias xubilarase en cinco anos".