Canto ocupan as plantacións ilegais de eucaliptos na Galiza?

As plantacións de eucaliptos en fincas e grandes extensións de terreo aumentaron, segundo o Sindicato Labrego Galego. (Foto: Ence)
30% da superficie forestal galega está ocupada pola árbore australiana.

350.000 hectáreas están plantadas ilegalmente con eucaliptos na Galiza. A propia Xunta vén recoñecendo esta realidade desde hai anos sen adoptar medidas eficaces para revertela. As consecuencias desta situación fican á vista todos os anos na tempada de incendios.

O Plan forestal galego do ano 1992 permite un máximo de 245.000 hectáreas de eucalipto para 2032. Os datos recollidos no último Inventario Forestal de Especies Produtivas de 2018, elaborado polo Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, cifran en 300.500 as hectáreas de monocultivo de eucalipto e en 121.700 aquelas outras nas que a especie se atopaba presente dalgún modo.

Os colectivos sociais e forestais agrupados na plataforma Por un Monte Galego con Futuro incrementan a superficie ocupada polo eucalipto e sinalan que, “a falta de realizarse o novo inventario forestal encargado polo Goberno galego, xa hai voces autorizadas alertando de que esta especie exótica invasora pode ocupar perto de 600.000 hectáreas na Galiza”. A extensión de terreo ocupada polo eucalipto representa máis de 30% da superficie forestal galega.

498.279 campos de fútbol

Neste sentido, o terreo plantado con esta especie equivale a 498.279 campos de fútbol, supera en máis de 100.000 hectáreas a provincia de Pontevedra e é 195.000 hectáreas inferior á provincia de Ourense. Asemade, a expansión desta árbore é moito máis elevada na Galiza que no ámbito estatal, onde suma 13,8% da masa forestal.

A Xunta da Galiza é coñecedora da existencia de plantacións ilegais de eucaliptos. Segundo se recolle no último Anuario de Estatística Forestal da Galiza, elaborado en 2020 pola Consellaría de Medio Rural, entre 2016 e 2019 a Administración galega abriu 506 expedientes sancionadores por plantacións ilegais desta especie. Ao tempo, ten instruído 1.229 procedementos “por cambio de actividade agrícola a forestal ilegal”, na súa práctica totalidade nos distritos forestais da Coruña e Lugo, zonas onde é maior a presión do eucalipto.

A moratoria ás plantacións do eucalipto naquelas áreas non poboadas por esta especie, até 2025, aprobada pola Xunta da Galiza, ten empeorado a situación. A medida, que entrou en vigor en xullo de 2021 e está recollida Lei de recuperación de terras, acelerou a expansión do eucalipto en zonas onde era descoñecida ao ser anunciada meses antes de entrar en vigor.

Neste sentido, o técnico agroforestal Xosé Antonio Meixide cualificou no seu momento esta decisión, en declaracións a Nós Diario de “xesto envelenado precisamente para obter o efecto contrario do que se di pretender. Onde está o problema principal é que a moratoria vai permitir adquirir a condición de eucaliptais a terreos que até agora non a tiñan”. As disposicións recollidas no recente Plan forestal galego reforzan esta tendencia. Nese sentido, a plataforma Por un Monte Galego con Futuro sinala que o “plan propón aumentar aínda máis a superficie ocupada por eucalipto malia ter traspasado xa en máis do dobre as previsións para 2030, e en detrimento das masas forestais autóctonas”.

Un novo modelo forestal na Galiza

O enxeñeiro forestal Xabier Bruña considera que “non hai especies boas ou malas, hai xestión forestal boa ou mala e aquí non hai boa xestión forestal porque falla a planificación. Improvísase e xógase a curto prazo cando necesitamos outro tipo de decisións. Precísase dunha planificación participada polo conxunto da sociedade, onde pactemos entre todos e todas cantos eucaliptos precisamos". Bruña defende un novo modelo forestal que xere máis valor engadido. “A Galiza produce 50% da madeira en rolo e 40% da madeira serrada e só representa 13% do volume da facturación e o emprego do sector forestal e 10% do número de empresas forestais do Estado”, afirma Bruña, que significa que “a práctica totalidade de eucalipto ou piñeiro que se produce no país destínase a triturar ben para celulosa ou para taboleiro”.