O ensino privado recibirá 334,5 millóns de euros en 2026 para prazas concertadas
O proxecto de orzamentos da Consellaría de Educación, Ciencia, Universidades e FP foi analizado esta segunda feira na Comisión de Economía do Parlamento da Galiza. Un debate que transcorreu ás portas da folga que esta terza e cuarta feira vive o ensino galego, convocada pola CIG en consenso co Steg e apoiada pola CUT para reclamar negociacións reais sobre ratios, salarios, carga lectiva e atención á diversidade. A organización estudantil Erguer apoia o paro e convoca varias mobilizacións para hoxe e mañá. Aliás, máis de medio cento de directoras e directores de centros públicos presentaron esta segunda un comunicado de apoio á folga, no que alertan, entre outras cuestións, da sobrecarga administrativa e da falta de persoal e medios materiais. A greve chega após un inicio de curso con múltiples mobilizacións da comunidade escolar contra os recortes e a falta de persoal.
O proxecto de Orzamentos do Goberno galego para 2026 consigna á Consellaría de Educación 3.085 millóns, o que supón un incremento de 1,4% a respecto de 2005. Esa suba é inferior á media (+2%) que aumenta o total do orzado para o vindeiro ano. De aplicar o incremento da inflación nos últimos 12 meses (+2,9%), os orzamentos de Educación para 2026 deberían ser de 3.129 millóns só para estar ao mesmo nivel de investimento real que no presente ano, 2025.
O proxecto de Orzamentos do departamento que dirixe Román Rodríguez consigan para o vindeiro ano 334,5 millóns de euros para o ensino concertado, unha cifra que aumenta (+4 millóns) respecto a este ano. E de facer a comparación coas últimas contas do Goberno de coalición de socialistas e nacionalistas (2009), ese aumento na consignación elévase por riba dos 78 millóns de euros —sen aplicar a suba da inflación correspondente a eses anos—.
Este aumento dáse en todas as faixas, desde Infantil (+300.000 euros), até Secundaria (+2 millóns de euros), FP (+1 millón) ou Educación especial, con case un millón de euros de incremento en comparación co orzamento deste ano. As contas da Xunta para 2026 tamén consignan partidas puntuais a centros concertados para "avanzar no dominio das linguas estranxeiras (500.000 euros) ou para "atender alumnado NEE -con necesidades educativas especiais-", con máis de 287.000 euros.
Novas prazas para 2026
Román Rodríguez aproveitou a súa comparecencia no Parlamento para explicar os orzamentos para anunciar que a Xunta da Galiza "convocará en 2026 ao redor de 1.500 prazas de profesorado", o que, afirmou, "afianzará a mellora progresiva de ratios co reforzo de docentes pese á caída de alumnos".
Cristina Rodríguez, portavoz de Ensino do BNG no Parlamento, criticou que a Consellaría "publicite ano tras ano o maior orzamento da historia" para o ensino cando o que se propón para 2026 "non cobre a suba do IPC". A deputada nacionalista reprochou ao conselleiro que "non escoite as familias" nin tampouco "o profesorado" e sinalou que nas contas para o vindeiro ano hai partidas con importantes recortes, como as destinadas a mellora e renovación de centros educativos.
Aitor Bouza (PSdeG), pola súa parte, criticou que o Goberno galego "comprometera 5,5 millóns de euros para loitar contra o acoso escolar que non aparecen nas contas". “Eu busquei no proxecto de Orzamento e non os atopei por ningún sitio”, sinalou o deputado, e puxo en cuestión como se vai desenvolver a estratexia galega de convivencia que anunciou o Executivo que preside Alfonso Rueda, "cando non se coñece nin de que partidas vai depender".
Principal fornecedor
Ao redor de 67% dos ingresos da educación privada non universitaria na Galiza proceden de fondos públicos, dez puntos por riba da media estatal, que se sitúa en 57%, segundo datos da Enquisa de Financiamento e Gasto do Ensino Privado publicados en 2023 —último ano fechado— polo Instituto Nacional de Estatística (INE). En concreto, Galiza destinou de media naquel curso 2.726 euros de diñeiro público por estudante da educación privada dos 4.057 que representan os seus ingresos totais.
Desta maneira, Galiza situábase un chanzo por riba da media, xa que no conxunto do Estado os colexios privados reciben uns 2.632 euros por alumno de media. O alumnado matriculado na Galiza en centros de titularidade privada —privados e concertados— supera amplamente a media tanto na Unión Europea (UE) como na Organización para a cooperación e desenvolvemento económico(OCDE).
A fenda entre a porcentaxe de alumnado que estuda Primaria e Secundaria na Galiza nun centro público e o que de media opta por este modelo na Unión Europea é de máis de 13 puntos: 72,6% fronte a 85%. Un de cada catro alumnos e alumnas do ensino non universitario está matriculado nun centro privado ou concertado da Galiza.
Os que estudan nesta modalidade representan 27,5% do total fronte á media dos que cursan Primaria e Secundaria en centros privados e concertados na UE (15,5%) ou na OCDE (16,6%).
Máis de 30 millóns para o profesorado de Relixión
A Consellaría de Educación dedica no proxecto de Orzamentos para 2026 ao redor de 30,1 millóns de euros ao pagamento do profesorado de Relixión. Un persoal docente integrado por perto de 700 profesores e profesoras que a Administración galega paga, mais que é a Igrexa quen designa, a mesma que se encarga de determinar que contidos se dan ou non na materia de relixión, que na Galiza cursan nos últimos anos máis de 160.000 alumnos e alumnas.
Este persoal docente, que figura como "laboral temporal" nos orzamentos, non accede ao seu posto a través de exames ou oposicións, senón que é escollido pola Igrexa. É ela quen decide que determinada persoa, que vai ser paga con diñeiro público, sexa contratada para impartir esta materia, e tamén quen decide sobre a súa continuidade ou despedimento.
Estes 30,1 millóns de euros públicos que van ir destinados a pagar ese profesorado é unha cifra maior que a que se lle asignaba nos orzamentos de 2025 (28 millóns de euros), e tamén sobe en comparación cos anteriores exercicios: 27,5 millóns de euros destinou Educación en 2020 a esta finalidade, 28,3 millóns en 2021 e case 29 millóns en 2022. Foron 29,7 millóns en 2023 e en 2024 foron 29,3 millóns.