Cangas homenaxea as vítimas do 'Vila de Pitanxo' cunha ofrenda floral e a instalación dunha placa

Familiares das vítimas do 'Vila de Pitanxo' hoxe en Cangas. (Foto: Europa Press)
Continúan os actos en conmemoración do aniversario do naufraxio do buque

A localidade de Cangas (comarca do Morrazo) rendeu este sábado tributo aos falecidos no afundimento do Vila de Pitanxo en febreiro de 2022 en augas de Terranova (Canadá) e a todos os náufragos do mar cunha ofrenda floral e a colocación dunha placa conmemorativa nas proximidades da Estación Marítima.

Desta forma, Cangas sumouse aos actos en memoria dos falecidos do Villa de Pitanxo que se desenvolveron no último mes noutras localidades como Cambados, Pontevedra ou Marín con motivo do primeiro aniversario da traxedia que se cobrou a vida de 21 persoas.

O municipio do Morrazo era orixe e lugar de residencia de varios dos tripulantes do buque que naufragou hai un ano, así como porto base do pesqueiro Praia Menduíña Dous, que rescatou os tres superviventes e recuperou varios cadáveres.

Segundo trasladou a portavoz das familias, María José de Pazo, foi un acto con "bastante emotividade e sentimento" no que interviñeron varios familiares de vítimas deste naufraxio.

Así, este sábado descubriron unha placa e realizaron unha ofrenda floral para manter "o legado dos 21 [falecidos]" e tamén de "toda a familia do mar".

A próxima placa colocarana na localidade de Bueu o próximo día 18 de marzo pola mañá e, posteriormente, aínda coa data por concretar, instalarase outra en Vigo.

Placa en Pontevedra

O pasado 18 de febreiro, Pontevedra acolleu un dos actos de homenaxe das vítimas do naufraxio do Vila de Pitanxo. Durante a xornada, as persoas asistentes realizaron unha ofrenda floral debaixo da placa cos nomes das vítimas que previamente colocara o Concello de Pontevedra no porto das Corvaceiras.