As candorcas 'atacan' de madrugada un veleiro a 2,5 millas da Coruña

Nun primeiro momento, o pesqueiro 'L'Estoir' acompañou o veleiro até que chegou a 'Salvamar Betelgeuse' (Pixabay: skeeze)

O 'Swiss Lady', procedente de Ribadeo, emitiu unha alerta cando navegaba ao nor-noroeste da Torre de Hércules, no que é o terceiro incidente desta semana.

Un veleiro con tres tripulantes a bordo emitiu na madrugada do domingo, 20 de setembro, unha alerta por un novo 'ataque' dun grupo de candorcas, mentres navegaba a 2,5 millas ao nor-noroeste da Torre de Hércules, na Coruña.

Segundo Salvamento Marítimo, sobre as 5,48 horas o centro da Coruña, encargado de coordinar o operativo, recibiu o aviso da embarcación afectada, o veleiro Swiss Lady, que proviña de Ribadeo (A Mariña).

Os seus tres tripulantes, dous de nacionalidade suíza e un alemán, informaban de que aínda que non había feridos, precisaban asistencia porque recibiran varios golpes por parte das candorcas mais descoñecían o alcance dos danos.

Nun primeiro momento, foi o pesqueiro L'Estoir o encargado de acompañar o veleiro até que chegou a Salvamar Betelgeuse de Salvamento Marítimo, que a guiou até o club náutico da Coruña.

Aínda que o Swiss Lady non precisou remolque e podía seguir navegando polos seus propios medios, aseguran as mesmas fontes, non foi até que chegou a porto cando se puideron avaliar os danos recibidos.

Trátase do terceiro ataque de candorcas a veleiros acontecido esta semana na costa coruñesa. Os dous anteriores foron na madrugada da segunda feira, 14 de setembro, ao oeste do municipio de Cedeira, aínda que as dúas embarcacións afectadas nesas ocasións si necesitaron ser remolcadas ao perder o temón.