Cando rematará a vaga de Ómicron? Investigadores chineses apuntan a novos gromos

Dúas mozas retiran o certificado Covid no punto administrativo de Ourense (Foto: Xunta da Galiza).
Investigadores chineses apuntan que 77% da poboación do Estado español contraerá a Covid-19 nos vindeiros meses.

Os investigadores chineses Jianping Huang, Yingjie Zhao, Li Zhang, Xu Li, Shuoyuan Gao e Xiaodong Song, da Universidade de Lanzhou, veñen de publicar o estudo Predición estacional da pandemia de Ómicron, no que, con base na tendencia mostrada por esta variante do coronavirus, debullan a súa evolución de cara aos vindeiros meses.

Malia recoñeceren que esta mutación descuberta recentemente "ten aínda moitas características por estudar", sinalan que a súa alta velocidade de transmisión é, "sen dúbida, preocupante", a diferenza de variantes anteriores como Alfa, Beta ou Delta, "que poden conterse a través de políticas efectivas de vacinación e intervencións non farmacéuticas".

Este grupo de investigadores considera que os altos niveis de vacinación en boa parte de Europa non impiden que Ómicron siga a mostrar "unha tendencia de propagación imparábel".

Sobre o comportamento desta mutación de agora en adiante, sosteñen: "As nosas pesquisas demostraron a destrutividade de Ómicron, e continuará a afectar todo o mundo durante os vindeiros seis meses".

"Antes de desenvolvermos vacinas eficaces, cada país debería implementar intervencións estritas e efectivas para desacelerar a velocidade de transmisión desta variante, especialmente nos países con sistemas de saúde subdesenvoltos. En caso contrario, a sanidade verase desbordada, con consecuencias desastrosas", salientan estes expertos.

Novo pico de Ómicron

A ollos deste grupo da Universidade de Lanzhou, "Europa converteuse no punto de encontro para Ómicron". A finais do vindeiro mes de xuño, afirman, "39% da poboación estará infectada coa Covid-19 no Reino Unido", mentres o Estado español, Francia, Italia e Alemaña terán unha infectividade de 77%, 79%, 55% e 21% respectivamente.

"Debido á estacionalidade da Covid-19, os países do hemisferio norte terán pequenos gromos durante a primavera, mentres nos países do hemisferio sur serán arredor de xullo", auguran.