Media Europa contaxiarase de Ómicron nos dous próximos meses

A OMS advirte da alta transmisibilidade da variante Ómicron da Covid-19, que contrae cada semana "1% da poboación de Europa".
Unha muller e un home camiñan portando máscara polas rúas da cidade de Lugo (Foto: Carlos Castro/Europa Press).
photo_camera Unha muller e un home camiñan portando máscara polas rúas da cidade de Lugo (Foto: Carlos Castro/Europa Press).

O Instituto de Métrica e Avaliación da Saúde (IHME, polas súas siglas en inglés) prevé que máis de 50% da poboación europea estará infectada por Ómicron nas próximas seis ou oito semanas, segundo avisou o director rexional da Organización Mundial da Saúde (OMS) para Europa, Hans Kluge.

Kluge apunta que na rexión europea notificáronse máis de sete millóns de novos casos da Covid-19 na primeira semana de 2022, o que supón máis do dobre nun período de dúas semanas.

A día 10 de xaneiro, 26 países informaron de que máis de 1% da súa poboación contrae a enfermidade cada semana. Aliás, 50 dos 53 países de Europa e Asia central notificaron xa casos de Ómicron.

"Está a converterse rapidamente no virus dominante en Europa occidental e agora estase a estender nos Balcáns", advertiu o director rexional da OMS Europa, que tamén sinalou que os datos cotexados nas últimas semanas "confirman que Ómicron é altamente transmisíbel, porque as mutacións que ten permítenlle adherirse ás células humanas con maior facilidade, e pode infectar mesmo a quen foron previamente infectados ou vacinados".

Tal e como insistiu o mandatario da OMS en Europa, a variante Ómicron representa un novo "tsunami" que "varre" a rexión, e que se suma á vaga de Delta que todos os países estaban a xestionar até finais de 2021.

Hans Kluge tamén fixo fincapé en que a forma en que cada país responda agora debe partir da súa situación epidemiolóxica, os recursos dispoñíbeis, o estado de aceptación da vacinación e o contexto socioeconómico.

Con todo, no que respecta ás taxas de mortalidade, Kluge destacou que "se manteñen estábeis" e seguen a ser máis altas nos países cunha incidencia elevada, "combinada cunha menor aceptación da vacinación", expresou. Por iso, Kluge quixo reiterar que as vacinas actualmente aprobadas seguen a proporcionar unha boa protección contra a enfermidade grave e a morte, "mesmo para Ómicron".

Comentarios