Pedro Pérez, CIG-Servizos

"Cando hai empresariado sen escrúpulos o resultado non pode ser outro que o trato indigno aos residentes"

Pedro Pérez , membro da executiva da CIG-Sevizos de Vigo. (Foto: Nós Diario)

O próximo seis de xuño Pazos de Borbén acolle unha concentración para denunciar a situación da residencia Mi Casa e reclamar a dignidade dos usuarios da mesma e dos seus traballadores. O dirixente da CIG-Servizos da comarca de Vigo, Pedro Pérez Caride, explica a Nós Diario as razóns desta protesta.

—A segunda feira teñen convocado desde a CIG unha concentración diante da residencia de Pazos de Borbén, cales son os obxectivos que persiguen coa mesma?
Esta concentración ten como obxectivo principal reivindicar a dignidade das persoas residentes e do persoal do centro. Non podemos permitir que se siga mirando cara a outro lado diante das atrocidades cometidas nesta residencia.

A Consellaría de Política Social é coñecedora das irregularidades detectadas neste centro, xa que o servizo de inspección fixo varios requirimentos por incumprimentos en relación ao persoal de enfermaría e cociña, ademais de instalo a que manteña un estado óptimo de limpeza e salubridade, indicando que o menú debe de estar supervisado en dietética e nutrición e en perfecto estado de conservación e que as comidas deben darse en horarios razoables. Do mesmo xeito, requiríronlles os rexistros das actividades básicas da vida diaria (ABVD).

Aínda así a Consellaría non ordenou o seu peche, sendo responsabilidade súa o que alí acontece por ser a responsábel directa da inspección dos centros da terceira idade, polo que reclamamos a dimisión da conselleira de Política Social, Fabiola García.

—Vostede e o seu sindicato denunciaron en 2017 á residencia Mi Casa por agochar a uns maiores nun galpón, en que quedou aquel procedemento e cal foi a actitude mantiva no mesmo pola Xunta da Galiza?
Foi unha verdadeira vergoña, porque despois de agochar os residentes nun galpón pechouse o procedemento cun expediente por sobreocupación, por ter un total de 63 residentes en lugar de 58 que tiñan autorizadas pola admnistración galega, que son as prazas que tiñan permitidas, das que 22 eran subvencionadas pola Xunta da Galiza.

—Como persoa que coñece de vello o funcionamento deste centro de maiores, sorprendéronlle as denuncias divulgadas as  últimas semanas e as imaxes sobre a situación dos residentes?
Sempre te sorprende que poidan existir persoas que traten así aos seus semellantes, pero  cando hai empresariado sen escrúpulos, que só busca facer negocio coas persoas maiores o resultado non pode ser outro que o trato indigno aos residentes, por iso é tan importante a existencia de mecanismos que eviten estas situacións.

Está claro que neste caso os medios de control, supervisión e inspección fallaron estrepitosamente: por un lado temos a avaricia empresarial, que conxugada coa precariedade laboral fai que os mecanismos de control e supervisión sexan inexistentes; e logo a función inspectora por parte da administración brilla pola súa ausencia.

—Cal é a situación laboral das traballadoras de Mi Casa e en xeral do conxunto das empresas  ligadas ao sector dos maiores do grupo de Lucía Pedroso?
Desde a CIG temos presentadas denuncias diante da Inspección de Traballo polas irregularidades e os incumprimentos en materia de xornada, contratación irregular, descanso semanal, calendario laboral e salarios, sendo está a mecánica habitual nas empresas xestionadas por Lucía Pedroso.

Un novo modelo de residencias

Pedro Pérez é moi crítico co funcionamento do sector da dependencia. Neste sentido, entende que "o actual modelo concibe as necesidades asistenciais como un negocio, precarizando as condicións laborais para así incrementar os beneficios".

Así, aposta "pola creación dun sistema público galego de atención ás persoas, temos que pór os coidados no centro das políticas públicas, abandonando a xestión privada, que só busca obter beneficios a costa das persoas maiores e dignificando as condicións laborais das persoas traballadoras".

Pérez considera "a concentración desta segunda feira ás 11:30 diante da residencia Mi Casa en Pazos" como unha oportunidade para defender "a dignidade de usuarios e traballadoras" e demandar "unha viraxe no actual modelo de residencias".