Cando e como sairemos desta? A comunidade experta dá as chaves para a desescalada

Volver saír e recuperar a vida social é un dos obxectivos (Europa Press).
A comunidade médica experta recomenda prevención, vixilancia e control para afrontar unha fase de desescalada que garanta a protección da saúde das persoas.

Cando e como sairemos desta? É unha das preguntas que con máis frecuencia rolda xa polas cabezas após un mes de confinamento. Unha cuestión que tamén comeza a debullar a comunidade experta, colaboradora necesaria para que as autoridades empecen a definir a fase de desescalada.

Para o epidemiólogo e profesor da USC Francisco Caamaño Isorna, o retorno á rutina será progresivo. "Quizais o Goberno permita que os menores saian un pouco á rúa acompañados por unha persoa, que a xente saia unha hora a facer deporte de forma individual. Pero que abran os bares, restaurantes e outros estabelecementos de reunión vai tardar, porque habería risco de que os contaxios se disparasen de novo", opina.

"Que abran os bares, restaurantes e outros estabelecementos de reunión vai tardar".

A apertura, di, será lenta. Dependerá dos datos que se teñan, e sobre todo, de que a cidadanía siga respectando as medidas de hixiene e de distanciamento social. "Neste sentido, determinar que proporción da poboación desenvolveu anticorpos contra o coronavirus permitirá coñecer o grao de inmunidade da poboación, o que podería permitir a desescalada gradual por territorios", explica, coa condición de asegurar a limitación da mobilidade", engade Caamaño.

Prevención e vixilancia

Pola súa banda, a Sociedade Española de Medicina Preventiva, Saúde Pública e Hixiene vén de publicar unha proposta con máis de 140 medidas e cuestións dirixidas a consolidar a desaceleración da epidemia. Apunta recomendacións específicas en materia de vixilancia, prevención e control, ademais da advertencia inicial de non se atar a prazo ningún. 

Desbotan solucións efectistas e avogan por "dar unha resposta adaptativa" onde se fale menos de "pasaportes serolóxicos" e se faga máis fincapé na importancia de cumprir coa hixiene de mans nos centros de traballo, de reforzar a prevención nas residencias de maiores e de conter de forma rápida os novos casos de coronavirus que se rexistren. "Se queremos conter a transmisión, ademais de previr, hai que investir na detección rápida da COVID-19". 

Especialistas en Medicina Preventiva desaconsellan o uso de guantes na rúa, recomendan garantir as máscaras cirúrxicas no ámbito sanitario e que se estude o uso de máscaras caseiras en espazos fechados e concorridos como acto de solidariedade.

"Cómpre facer fincapé na importancia da hixiene de mans, de reforzar a prevención nas residencias e de conter de forma rápida os novos casos".

Na práctica, trátase de asegurar a protección da saúde e de casar esa prioridade coa recuperación gradual da actividade económica e da vida social.