O coruñés Cándido Conde-Pumpido, novo presidente do Tribunal Constitucional

O maxistrado Cándido Conde-Pumpido. (Foto: Isabel Infantes / Europa Press)
O maxistrado pertence ao sector progresista.

O maxistrado progresista Cándido Conde-Pumpido, nado na Coruña en 1949, vén de ser elixido novo presidente do Tribunal Constitucional (TC), tras obter seis dos once votos que estaban en xogo durante o pleno que decorreu esta cuarta feira na corte de garantías.

Conde-Pumpido liderará unha nova etapa do tribunal na que o bloque progresista será maioría en detrimento do conservador, logo dun complexo proceso de renovación que derivou nunha disputa entre o poder lexislativo e o xudicial. Así, gañou o pulso á súa compañeira María Luisa Balaguer, tamén considerada progresista, que se postulaba como candidata de consenso co bloque conservador da corte de garantías.

O xuíz coruñés obtivo o respaldo unánime dos outros cinco maxistrados do sector progresista, incluído o de María Luisa Segoviano, cuxo voto era a grande incógnita, mentres ela sumou o seu e o dos catro conservadores. Desta forma, o bloque progresista fecha a fractura xerada un día antes, cando os seus sete maxistrados celebraron unha reunión interna coa intención de que o grupo acudise ao pleno desta cuarta feira cun só candidato, algo que non foi posíbel pola persistencia de ambos en someter a súa proposta ao conxunto do tribunal.

Segundo informou o TC, o pleno tamén elixiu cos mesmos números (seis fronte a cinco) a Inmaculada Montalbán como nova vicepresidenta do órgano xudicial, rachando a norma non escrita que se aplicou durante os últimos, segundo a cal a Presidencia correspondía ao sector maioritario e a Vicepresidencia, ao minoritario. De feito, o bloque conservador postulara a Ricardo Enríquez, o maxistrado de maior antigüidade e idade, que logrou cinco votos.

Maioría progresista

Conde-Pumpido e Montalbán substituirán a Pedro González-Trevijano e Juan Antonio Xiol, respectivamente, que abandonaron os seus cargos a pasada segunda feira, canda Antonio Narváez e Santiago Martínez-Vares, coa renovación parcial do Constitucional, que estaba pendente desde o pasado 12 de xuño.

A entrada dos catro novos maxistrados provocou o paso da antiga maioría conservadora, de seis maxistrados fronte a cinco, a unha folgada progresista, de sete contra catro. Dos catro novos maxistrados, o ex ministro de Xustiza Juan Carlos Campo e a ex alto cargo de Moncloa Laura Díez, propostos polo Goberno español, substituíron a González-Trevijano e Narváez, nomeados no seu día polo Executivo de Mariano Raxoi.

Pola súa parte, María Luisa Segoviano, ex presidenta da Sala do social do Tribunal Supremo (TS), e César Tolosa, até o de agora presidente da Sala do contencioso-administrativo do TS, ambos os dous propostos polo Consello Xeral do Poder Xudicial (CXPX), deron a remuda a Xiol e Martínez-Vares, postulados tamén polo CXPX.