A candidata a reitora Maite Flores denuncia "bulos" e pide que non se repitan: "A miña campaña non a financia o PP"
A candidata á Reitoría da Universidade de Santiago de Compostela, Maite Flores, asegura que na primeira volta houbo “ataques directos” e bulos sobre a súa persoa e reclama unha campaña centrada nas propostas fronte á súa rival, Rosa Crujeiras.
A candidata á Reitoría da USC, Maite Flores, asegurou que na primeira volta existiu unha “campaña de difamación” con “ataques directos” e difusión de “bulos” sobre ela e pediu fuxir do “enfrontamento” durante a campaña da segunda volta, que comeza este 27 de febreiro e remata o 9 de marzo, na que compite contra Rosa Crujeiras.
“A miña campaña nin a promoveu nin a financia o PP nin a Xunta. Nin merquei a Sala Capitol para facer unha festa de feche de campaña. O meu único pecado capital é coñecer xente e ter amigos”, defendeu nunha rolda de prensa na que insistiu en que a cesión do local para a festa de fin de campaña foi “gratis”.
Este é un dos “bulos” que Flores incluíu entre os “lanzados e dirixidos desde páxinas e perfís e que, nalgúns casos, entraron nun “plano persoal e familiar e mesmo chegaron a imputar delitos”. “Superáronse certos límites e non descartamos acudir ao xulgado segundo o que se diga”, advertiu. Tamén apuntou que todos estes ataques se enmarcan nun apoio á candidatura de Crujeiras e, aínda que non a acusa directamente de estar detrás, pediulle que “desminta” publicamente o seu contido.
Entre outras cuestións desmentidas por Flores, ademais das xa mencionadas, negou que vaia “privatizar” residencias universitarias; que vaia “fechar” o Hospital Veterinario Universitario Rof Codina; ou que pretenda “impór” que a docencia dos másteres “deba impartirse” en castelán.
No ámbito familiar, cualificou como “falso” que vaia “enchufar” seu irmán e seu marido —que, segundo dixo, está “encantado” co seu posto nunha multinacional— como xerentes da universidade e que, sendo membro da Comisión Interuniversitaria de Galicia (CIUG), tivese “manipulado” as notas da súa filla cando, segundo explicou, “non estaba no tribunal das probas” ese ano.
Deste forma, reclamou que a nova campaña se desenvolva “no ámbito do debate académico” e entre “críticas lexítimas”. “Non imos permitir que, cando se fala de moito fango na primeira volta, se poña no mesmo plano a quen xera os bulos e as mentiras e a quen se defende deles”, sostivo.
Preguntada por acusacións de ter contribuído ela mesma ao “fango” que critica, defendeu que nunca se caracterizou “por agocharse” e que non foi ela quen difundiu as publicacións do profesor Luis Míguez que derivaron na súa saída do equipo de Crujeiras.
Campaña centrada nas “diferenzas”
Na mesma rolda de prensa, avanzou que iniciará a campaña cun acto ás 13.30 horas do 27 de febreiro no edificio Roberto Novoa Santos, onde debullará as “principais diferenzas” entre ambas candidaturas. Ao seu xuízo, ambas propoñen un “cambio”, aínda que, no caso da súa rival, considera que ten “aires de pasado”.

