A candidata Maite Flores propón Xosé Antón Freire, coordinador do Concello de Santiago, como xerente da USC
A catedrática de Óptica e candidata ao Reitorado da Universidade de Santiago de Compostela (USC) Maite Flores anunciou que se a vindeira cuarta feira torna en reitora proporá ao Consello Social o nomeamento de Xosé Antón Freire Ramos, actual coordinador do Concello de Santiago, como novo xerente. Consultado por Europa Press, Freire reafirmou a súa aposta por un modelo de xestión "baseado na profesionalidade da estrutura" e na "ambición de modernizar a administración", contando en todo momento coa "implicación do persoal".
Neste contexto, cualificou como un "reto ilusionante" a posibilidade de contribuír a que a USC se converta "nun referente" entre as universidades públicas do Estado e nun modelo para as administracións galegas. Así mesmo, aproveitou para lembrar que a figura do xerente non forma parte do equipo que se somete a votación nos procesos electorais, xa que o seu nomeamento esixe un pronunciamento previo do Consello Social. Deste modo, desvinculou este perfil técnico da estrutura política que concorre ás urnas.
Licenciado en Filosofía e Ciencias da Educación (Psicoloxía) pola USC, Xosé Antón Freire conta tamén cun diploma en Estudos Avanzados de Psicoloxía Social, un mestrado en Psicoloxía Xeral Sanitaria e un diploma de Persoal Directivo Profesional.
A maiores, conta con experiencia de xestión dentro da propia USC, onde desempeñou diferentes cargos e responsabilidades, como vicegerente do Campus de Lugo e da área Económica (2007/2010), vicegerente de Economía e Infraestruturas (2018/2022) e director da área de Xestión da Investigación (2022/2023).
Ademais, desde o ano 2023, Xosé Antón Freire ocupa un posto directivo no Concello de Santiago, vinculado á coordinación e modernización da Administración Local. "No momento actual no Concello de Santiago estamos tamén nun proceso de modernización da administración e mellora dos procedementos de traballo, unha misión do goberno á que estou plenamente dedicado e á que tratarei de seguir contribuíndo", concluíu.
Dobre incorporación
"Eu sempre dixen que, para min, o perfil ideal para ocupar a Xerencia era unha persoa cunha visión externa, pero cun profundo coñecemento da casa, e penso que non hai mellor perfil que o de Xosé Antón para cumprir ambas as calidades. A súa traxectoria tanto dentro da USC como na Administración Local e o seu talante moderado e dialogante son a súa mellor tarxeta de presentación", destacou Maite Flores.
A candidata tamén anunciou que se incorporará á estrutura xerencial o traballador da USC José Ramón Basante Barbazán, quen desde abril do pasado ano desempeña o posto de xefe do Servizo de Orzamentación e Planificación, integrado na área de Xestión Económica.
No seu caso, Basante conta cun grao en Relacións Laborais e Recursos Humanos, unha Diplomatura en Relacións Laborais e é Técnico especialista en informática de xestión. "A ambos lles agradezo o xesto valente de dar un paso á fronte neste momento, demostrando o seu compromiso coa USC e a confianza en que é posíbel un cambio para imprimirlle aires novos", subliñou Maite Flores.
