Social

Cancelado o programa 'Vacacións en Paz' para crianzas saharauis pola crise do coronavirus

Vacacións en Paz leva 25 anos posibilitando que as crianzas dos campos de refuxiados do Sáhara pasen o verán na Galiza.

A Delegación Saharaui na Galiza e a asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharaui (SOGAPS) veñen de informar de que as autoridades saharauis decidiron "suspender" o programa Vacacións en Paz este verán "por precaucións sanitarias" diante da crise sanitaria polo coronavirus

Vacacións en Paz leva 25 anos posibilitando que as crianzas dos campos de refuxiados do Sáhara pasen o verán na Galiza con persoas voluntarias que as atenden e facilitan que desfruten duns meses diferentes. 

Desde SOGAPS aseguran que non van ficar de brazos cruzados e que "estudarán", dentro das alternativas, a maneira de "organizar unha caravana solidaria con axuda humanitaria para mandar aos nosos nenos e nenas, e así poder aliviar as difíciles condicións nos campamentos".

"Non deixaremos aos nosos meniños este verán sen axuda", inciden, no canto que solicitan a colaboración das institucións e das persoas voluntarias que cada ano fan posíbel que se leve a cabo esta inciativa. 

A Delegación Saharaui manifesta que este programa de verán ten "contribuído de maneira eficaz e palpábel a aliviar o sufrimento de miles de nenos e nenas saharauis" e que supón "un modelo sen precedentes na convivencia cívica e pacífica" entre os pobos. 

Porén, "avaliadas as circunstancias actuais", salientan que a súa única opción é cancelar a edición deste ano de Vacacións en Paz con "grandes esperanzas" de poder continuar en vindeiros anos