O campión do mundo Lionel Scaloni será o pregoeiro das festas de María Pita na Coruña

Lio Scaloni acariña a copa após vencer Francia nos penaltis. (Foto: Robert Michael / DPA)
Inés Rei presentou esta cuarta feira o programa que se desenvolverá durante todo o mes de agosto na cidade herculina como un "referente pola súa amplitude e variedade de actividades".

As festas de María Pita na Coruña xa contan con programación. Estas festas arrincarán o día 1 de agosto cun pregoeiro moi especial e moi querido na cidade, o arxentino Lionel Scaloni, xogador histórico do Deportivo e adestrador da selección do seu país e coa que se proclamou campión do mundo.

Así o anunciou a alcaldesa da cidade herculina, Inés Rei, a través da rede social Twiiter (agora chamada ‘X’) cunha mensaxe na que se pode ler “animádevos a vir á praza e render homenaxe a todo un campión do mundo”.

A propia rexedora presentou esta cuarta feira o programa que se desenvolverá durante todo o mes de agosto na cidade herculina como un "referente pola súa amplitude e variedade de actividades".

As Festas de María Pita comezarán co concerto do artista británico de orixe libanesa Mika que actuará na praza de María Pita ás 22 horas, despois do pregón de Scaloni.

Esta localización acollerá diferentes concertos, entre eles, o día 2, o do cantautor Víctor Manuel; o 3, o evento 'Locos Coruña' coa actuación de diferentes agrupacións musicais como Seguridad Social, Melón Diesel, Rafa Sánchez ou Revólver; o día 4, Amaia Romero e o 5, a cantante malagueña Vanesa Martín.

Festivais

A oferta musical inclúe a celebración do 9 ao 12 de agosto do Festival Noroeste, con actuacións na praia de Riazor e "noutros puntos" da cidade herculina. Os xardíns de Méndez Núñez acollerán o Festival Internacional de Folclore, do día 9 ao 13, e o Certame de Habaneras, do 14 ao 20.

O parque se Santa Margarita será escenario de eventos como o Festival Independente Rock Coruñés e o Festival de Electrónica Coruñesa, os días 18 e 19, respectivamente, ademais da tradicional romaría de finais de mes. Fechará as actuacións musicais das festas nesta contorna o 28 de agosto Rubén Blades, quen tivo que cancelar o seu concerto a semana pasada.

Do día 7 ao 13, desenvolverase a edición número 26 de 'Viñetas desde O Atlántico', a primeira sen Miguelanxo Prado como director. Segundo explicou a rexedora, este ano será "moi especial, cun novo rumbo impulsado e organizado polo Concello da Coruña da man do sector do cómic coruñés cunha programación exclusiva de gran nivel internacional".

A batalla naval terá lugar o día 14 no Paseo Marítimo, a partir das 23.30 horas. A alcaldesa recalcou que o consistorio habilitará puntos violeta "como cada ano" para informar sobre violencia de xénero e para atender posíbeis denuncias durante os concertos "nas diferentes actividades das festas".