Medio Ambiente

A campaña 'Humidais para a Vida' de Ecoloxistas en Acción axuda a pór freo á "desfeita eólica"

A Lagoa de Antela, na Limia. (Foto: Ecoloxistas en Acción).
Desde o comezo da súa campaña, Ecoloxistas en Acción leva realizados "numerosos informes hidrolóxicos" sobre as afeccións ás zonas húmidas galegas pola plantación de eucaliptos e pola implantación sen planificación dos parques eólicos.

Coa campaña ‘Humidais para a Vida’, a organización Ecoloxistas en Acción leva máis de dous anos cartografando os humidais galegos non catalogados e avaliando o seu estado. O estudo realizado pola organización ecoloxista pon de manifesto o “progresivo deterioro destas zonas de tan alto valor natural e que prestan un imprescindíbel servizo ecosistémico as poboacións das contornas”.

Para Ecoloxistas en Acción, a falta de catalogación e protección por parte da Administración galega e a ausencia de estudios hidrolóxicos e hidroxeolóxicos nos proxectos eólicos pon en serio risco, non só estes ecosistemas, senón tamén nacementos de ríos como, por exemplo, o Barcés que dá de beber á cidade da Coruña. Desde o comezo da súa campaña, Ecoloxistas en Acción leva realizados "numerosos informes hidrolóxicos" sobre as afeccións ás zonas húmidas galegas pola plantación de eucaliptos e pola implantación sen planificación dos parques eólicos.

O parque eólico Legre en Oza-Cesuras, o parque eólico Solpor e Monte Inxerio en Ordes, Cerceda e Mesía, o parque eólico das Encrobas en Carral e Cerceda, o parque eólico de Penizas en Forcarei ou o de Campo das Rosas en Campo Lameiro son algúns dos proxectos eólicos que afectaban humidais e dos que Ecoloxistas en Acción realizou peritaxes cos que reforzar a acción xudicial emprendida polas plataformas locais de veciñanza afectada.

Utilidade para a cidadanía

“Tanto a campaña de Humidais para a Vida de Ecoloxistas en Acción como os informes sobre a hidroloxía feitos, para ir aos contenciosos destes proxectos eólicos, son moi potentes e de grande utilidade para a cidadanía que se vai presentar nestes preitos. Non so se evidencian as afeccións aos humidais, senón tamén ás masas de auga e a rica biodiversidade que alí se atopa. Unha ferramenta que é moi de agradecer”, asegura Manuel Xermade, coordinador xurídico de Acouga.

Noutros casos, como o parque eólico de Banzas, entre os concellos de Outes Negreira e Mazaricos, é a propia organización ecoloxista a que se acude a xustiza para frear o proxecto, xa que é parque tractor doutros proxectos nunha zona que afectaría gravemente ao nacemento de distintos regos que desembocan en rede natura e que tería un impacto ambiental moi grave sobre humidais catalogados e afectaría ademais as traídas de auga veciñais de distintas parroquias dos concellos afectados.

“Despois de facer o traballo de campo da campaña de zonas húmidas e decatarme que o noso patrimonio natural non so está sen protexer, senón que se estaba a pór en risco con determinados proxectos eólicos, decidimos redobrar esforzos en realizar peritaxes hidrolóxicas e axudar a veciñanza a frear o máis daniño desta implantación sen zonificación da enerxía eólica. Para nós é fundamental visitar as zonas afectadas e encontrarnos coa veciñanza, eles son os que mellor coñecen todo aquilo que non se tivo en conta á hora de tramitar estes proxectos”, declara Roberto Vilela, coordinador da campaña Humidais para a Vida de Ecoloxistas en Acción.