Campamentos militares adoutrinan nenos soldado coa conivencia do Goberno español

Formación de rapaces e rapazas no Campamento Gran Capitán, en Navacerrada (Madrid). (Imaxe: Gran Capitán)

Saúdos militares, izados de bandeira, himno español, roupa de camuflaxe, símbolos carlistas empregados polo bando fascista na guerra civil española, “ El novio de la muerte” da Lexión, actos de homenaxe “aos caídos”... Non nos referimos ao día a día dunha base do Exército español, senón a campamentos de verán, como o Don Pelayo ou o Campamento Gran Capitán, xestionados por empresas privadas e destinados a nenas e nenos mesmo desde os 7 anos. Aínda que asegura “deploralos”, o Ministerio de Defensa e o de Interior colaboran con eles a través do Exército e da Garda Civil.

“Valores tradicionais na milicia e na nosa cultura tradicional española”, “respecto e orde”, “ensinanza práctica do uso militar e policial da pistola, o fusil de asalto [con armas Airsoft]", “formacións, saúdos, presentacións, comportamento, desfile”, “homenaxe á bandeira”... é parte do adoutrinamento que practican no Campamento Gran Capitán, en Navacerrada (Madrid).

Está dirixido a escolares de 11 a 21 anos nos meses de verán con “certas inquedanzas próximas ás Forzas Armadas e aos Corpos de Seguridade do Estado” e no que prestan servizo militares en activo, retirados ou na reserva das forzas armadas españolas e da Garda Civil. “Non é recomendábel para rapaces excesivamente pusilánimes e non afeitos a realizar algunha actividade física de maneira cotiá”, explica a empresa.

Bikinis e móbiles prohibidos

Entre as súas instalacións, conta cunha capela onde se oficia misa os domingos. Tamén piscina, mais advírtese da prohibición de empregar bikini, pois só se permite “bañador de piscina”.

Tamén está prohibida a tenza de teléfonos móbiles e cámaras de fotos, que serán “recollidos e custodiados” pola organización do campamento, que permitirá realizar chamadas, pautadas, ás familias.

Do culto á morte fronte ao Día da Paz

“O noso campamento non fomenta, nin pretende fomentar, ningún tipo de ideoloxía, ningún, de maneira radical neutro”, advirte o Campamento Gran Capitán na súa páxina web, malia o ideario ultraespañolista e reaccionario das súas prácticas. De feito, a través das redes sociais, a empresa organizadora loa figuras como Salva Ballesta, coñecido futbolista da ultradereita española a quen o Celta pretendía fichar como segundo adestrador en 2013.

Tamén enxalza nas súas publicacións o “día de España” fronte ao que se ensina “no cole”, como “Halloween, carnaval ou o Día da Paz” e empraza as familias a transmitirlles aos rapaces e rapazas toda a ideoloxía españolista e colonizadora, “como a honra e a lealdade xa eran a nosa divisa hai máis de 2.000 anos”. “Aqueles que caeron combatendo non morrerán nunca”, sinala o Campamento, que cita o Cid, Guzmán o Bo, Hernán Pérez del Pulgar, Hernán Cortés, Francisco Pizarro, Isabel a Católica...

A conquista da “Nova España” é outro dos logros salientados pola organización, que acusa os indíxenas de “usar outras tribos como gando” e de “masacrar escravos en altares”. “Ensínaos a non crer as mentiras que inventaron aqueles que sempre nos odiaron por encubrir os seus propios crimes”, engade.

As reaccións ás publicacións, que fan loas ao rei de España como “garante da unidade e da continuidade”, responden á liña ultraespañolista e chaman á que volva “a mili”, con vivas a España.

Un protocolo “case cruel”

A empresa presume de que en 2020 e 2021 decorreu “con completa normalidade” o campamento, “sen máscaras nin distancias de seguridade”, con máis de 300 asistentes e con ningún contaxio grazas ao “completo e estrito, case cruel, protocolo de seguridade”.

Advírteo no texto promocional no que anuncia as edicións de 2022, dirixido a mozas e mozas con prezos que oscilan dos 600 aos 2.000 euros, en función de se a estadía é dunha semana ou de até un mes. A estas cantidades hai que sumar o aluguer das armas réplica Airsoft que, en lugar de balas, disparan bólas de plástico, mais non son inofensivas, de aí a necesidade de usar lentes e protectores bucais. Trátase de instrumentos prohibidos no Estado español en menores de 14 anos.

Outro dos campamentos con máis sona é o Don Pelayo, cuxo escudo representa a silueta do caudillo da reconquista española, cunha coordinadora que foi concelleira do PP en Torrejón del Rey (Guadalaxara) e que nas municipais de 2019 concorreu na listaxe de Vox. Na súa web afirma que “transmitir o espírito patriótico” é un dos trazos do campamento, “o coñecemento da constitución española é unha parte importante da identidade nacional, por tal motivo se instrúe sobre esta”. Tercios de Lezo completa a oferta dos denominados campamentos de orientación militar.

Conivencia do Goberno español

Aínda que estes campamentos son organizados por entidades privadas e son as comunidades autónomas as encargadas de regularen as actividades de lecer da infancia e da xuventude, están xestionados por militares en activo ou reservistas e tanto o Ministerio de Defensa como o Interior colaboran con eles ao estabeleceren visitas a cuarteis e bases e ao recibiren charlas de membros das forzas e corpos de seguridade do Estado.

Porén, en resposta a unha pregunta formulada por Más País no Congreso español en 2020, o Goberno de Pedro Sánchez, a través do Injuve, dixo “deplorar” estas actividades e expresou a súa “preocupación” pola existencia dos citados campamentos.