Honduras elimina a designación de "Día da Raza" para o 12 de outubro

Novo país que se une á reivindicación indíxena. Por outra banda, o presidente de Venezuela anunciou que enviará unha carta ao rei de España.
EuropaPress_3880486_varias_personas_participan_manifestacion_500_anos_inicio_resistencia
photo_camera Manifestación en Madrid, o pasado 13 de agosto, para marcar "500 anos de resistencia indíxena" (Foto: A. Pérez Meca / Europa Press)

A Asemblea Lexislativa de Honduras suspendeu a consideración do 12 de outubro como "Día ou Festa da Raza", ao considerar que supón un insulto aos pobos indíxenas. Unha decisión que xa foi tomada nos últimos anos por case a totalidade dos países co continente americano.

A deputada Suecy Callejas, membro do partido de Bukele, Novas Ideas, cre que "non hai nada que celebrar".

"Foi unha matanza; é un capítulo moi triste da nosa historia", esgrimiu.

A iniciativa saíu adiante con 70 votos a favor dos 84 con que conta, e segundo Callejas evidencia que o Goberno de Bukele quere estabelecer unha relación real coas comunidades indíxenas.

Nunha nota do Parlamento, dise que a chegada de Cristóbal Colón a América marca o inicio de "violacións reiteradas de dereitos fundamentais, saqueos ao patrimonio material e cultural e menosprezo aos nosos devanceiros", en liña coas mensaxes destes últimos días doutros dirixentes da rexión como o mexicano Andrés Manuel López Obrador ou o venezolano Nicolás Maduro.

Carta de Maduro a España

Precisamente o presidente de Venezuela anunciou que enviará unha carta ao rei Felipe VI para expor "con respecto" que o colonialismo derivou "no maior xenocidio da historia" da humanidade, coa esperanza de que España poida "rectificar" e pedir perdón.

"Cada vez que España sae a celebrar e a bailar o 12 de outubro ofende a memoria histórica", expuxo nun acto en que reivindicou o pasado indíxena americano. 

É hora, dixo, de que España asuma que "foron 300 anos de colonialismo e crimes contra a humanidade", e agarda que o rei español, "un home do século XXI", reflexione e "pida perdón".

Comentarios