Campamento ao pé de San Caetano para que a Xunta escoite a demanda doutra política forestal

Acampada de Seaga. Imaxe: CIG

O persoal de Seaga denuncia as precarias condicións laborais e económicas que padece ao tempo que critica a “nefasta política” en materia de prevención e extinción de lumes.

A finais do mes de xaneiro o sector do cerco levantaba o campamento que, durante 3 meses, levantaran ao pé de San Caetano, sede administrativa da Xunta, para pedir un reparto xusto de cotas para a frota galega. Tres meses nos que, recoñecían, non tiveron nin o mínimo sinal de diálogo por parte dun presidente da Xunta cuxo despacho non distaba moito máis de 200 metros do lugar onde estaba o campamento dos mariñeiros.

Agora, ese espazo no que acamparan os cerqueiros, vén de ser ocupado polo campamento do persoal de Seaga, que permanecerá até esta sexta feira ás portas de San Caetano, procurando que a Xunta escoite e atenda as súas demandas.

Unhas peticións que poden resumirse en dúas: poñer fin á precariedade laboral e salarial do persoal de Seaga e dar un cambio de rumo á pol´çitica forestal. No que vai de 2016 os incendios calcinaron 15.000 hectáreas de monte. Entre 2011 e 2015, queimaron 92.000 hectáreas de monte.

O secretario nacional da CIG-Servizos, Paulo Rubido, e o presidente do comité de empresa de Seaga en Pontevedra, Josafat Puente, deixan claro que “non vai haber paz no Servizo de Protección e Defensa contra Incendios Forestais (SPDCIF) até que non se solucione a problemática laboral existente en Seaga”. Denunciaron a política forestal do Partido Popular, así como o dispositivo de extinción e loita contra os incendios. “O operativo da Xunta é un caos, xa que se poden atopar nos montes galegos para tarefas de extinción máis de 11 entes de diverso tipo: medios propios da Administración autonómica, Concellos, Tragsa e Natutecnia, entre outros”.

Demandan así un cambio nas políticas para o medio rural e unha nova política forestal e que se unifique o servizo nun único dispositivo público “no que se garantan condicións laborais dignas para todos os traballadores”.