O persoal de Seaga mobilízase farto da precariedade laboral e da política forestal

Mobilización de persoal de Seaga en Compostela. Imaxe: @lidiasenra

Comezarán unha acampada aos pés da sede da Xunta para reivindicar solucións. 

Os incendios arrasaron no que vai de ano por volta de 15.000 hectáreas, unha superficie maior á que ardeu durante todo o 2015. Con este pano de fondo, o persoal de Seaga manifestouse en Compostela para denunciar tanto a precariedade laboral que soporta este colectivo de traballadores como a necesidade de cambiar do modelo de política forestal que impulsaa Xunta.

O presidente do comité de empresa, Josafat Puente, lembrou que hai unha ducia de empresas privadas adicadas á extinción de incendios, unha tarefa que estas entenden como negocio. Reiterou a demanda do persoal de Seaga de traballar 6 meses ao ano e non só 3, como até agora, un período que impide a profesionalización do servizo. Os traballadores de Seaga operan “en primeira liña” dos incendios, apontan os manifestantes, que critican a política forestal da Xunta por deixar á marxe a prevención.

“A política da Xunta é curto-pracista e no que se basea é que se un incendio se desmadra, pois explota un pouco máis os traballadores e fai que fagan xornadas de até 18 horas se hai nivel”.Dende a CIG-Servizos, ao abeiro da mobilización, reiteran que “o operativo da Xunta é un caos”,  xa que se poden atopar nos montes galegos para tarefas de extinción máis de 11 entes de diverso tipo: medios propios da administración autonómica, Concellos, Tragsa e Natutecnia, entre outros.

Parte dos manifestantes encentarán unha acampada reivindicativa aos pés de San Caetano, o edificio administrativo da Xunta de Galiza.