Camións cisterna, cortes de subministro e outras medidas para facer fronte á seca

O baixo caudal do río Miño deixou á vista as ruínas do vello Portomarín, anegado na década de 1960 polo encoro de Belesar. (Foto: Carlos Castro / Europa Press)
Os encoros galegos destinados ao abastecemento de auga áchanse en niveis mínimos, situación esta que, sumada á falta de precipitacións no que está a ser un verán máis seco do habitual, agudiza as alertas por episodios de seca e obriga os concellos a adoptar medidas para garantir o subministro de auga.

As alertas de seca esténdense pola Galiza adiante nun verán no que se xuntan dous factores chave: as baixas reservas de auga nos encoros galegos, que continúan en niveis mínimos, e a escaseza de precipitacións nun mes de xullo especialmente seguido dun agosto que avanza polo mesmo camiño.

O último informe de Meteogalicia apunta que este xullo foi  "moi seco" no que atinxe ás choivas, con até 66% menos que as habituais no país nesta época do ano e cunha repartición moi desigual. "Algúns lugares quedaron con precipitacións moi escasas ou mesmo nulas e outros puntos achegáronse á normalidade ou mesmo foron húmidos", precisaron desde o Goberno galego en relación a este informe.

Pola súa parte, os encoros seguen a bater marcas negativas: os últimos rexistros apuntan que as reservas de auga encorada —só a destinada ao abastecemento, non á produción de enerxía hidroeléctrica— están actualmente a 68% da súa capacidade, isto é, 16 puntos menos que o pasado ano nesta altura.

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, cualifica esta situación de "moi mala, moi preocupante e moi complicada". Unha situación que levou a decretar a prealerta por escaseza de auga nos ríos Lérez e Anllóns. E preocupa tamén a situación nas comarcas da Coruña e Vigo, onde os encoros de Zamáns e Baíña fican a un nivel "25% inferior ao do pasado ano".

Así, o Goberno galego vén de autorizar a captación de auga nos ríos para abastecer as poboacións máis afectadas con camións cisterna, unha medida que xa adoptaron os municipios de Sober e Ribas de Sil.

Por mor da seca son cada vez máis os concellos que se ven obrigados a aplicar restricións. É o caso de Ribadavia, onde a poboación só dispón cada día de catro horas de auga corrente nas billas. Desde o Concello advirten que cada vez achan máis dificultades para garantir a traída de auga. Tamén en Ferreira de Pantón, onde o alcalde, José Luís Álvarez, ve un posíbel "uso fraudulento" da auga, o subministro deste ben básico córtase durante a madrugada e debe destinarse nas vivendas exclusivamente ao uso doméstico.

Os cortes nocturnos prodúcense de igual modo en Coristanco, Campo Lameiro, Ponte Caldelas, Castrelo de Miño, Cortegada, Entrimo ou Guntín, cuxa rexedora, María José Gómez, avanzou onte novas restricións en varias parroquias onde están a ter "problemas" para garantir o abastecemento a toda a veciñanza. Noutros municipios, como O Rosal, apostan por medidas restritivas semellantes: a veciñanza leva dúas semanas cun tope de consumo de 300 litros por vivenda e día.

Sen cortes de auga, mais con restricións ao rego ou mesmo permitindo unicamente o consumo doméstico, áchanse decenas de concellos, como Vigo, Pontevedra, Sanxenxo, Carballo, O Porriño, Gondomar, Celanova, Pantín ou Palas de Rei, entre outros.

Polémica coa Festa da Auga de Vilagarcía

A escaseza deste ben básico provocou que o Concello de Vilagarcía decidise avogar por un formato "máis artesán" da popular Festa da Auga, que decorrerá a vindeira terza feira, día 16, sen a presenza de camións cisterna, voltando ás orixes con caldeiros de auga e sen inchábeis acuáticos para as crianzas. "Mollarémonos de un en un", precisaron desde o Goberno dun municipio que non é alleo ás alertas de seca.

A decisión de manter o evento, a pesar das modificacións anunciadas, desata as críticas de Ecoloxistas en Acción, que acusa o Concello de "malgastar" auga e "trasladar á poboación a mensaxe de que pode seguir esgotando recursos críticos, como a auga, sen que isto cause graves consecuencias".

Tesouros ao descuberto

O baixo caudal do encoro das Conchas deixou ao descuberto o complexo arqueolóxico Aquis Querquennis, datado da época romana e anegado na actualidade —agás nestes días de escaseza—. E á vista ficaron tamén as ruínas do vello Portomarín, hoxe baixo o encoro de Belesar.