Icomos recoñece que Altri poría en perigo o Camiño de Santiago

Dúas mulleres percorren o camiño de Santiago. (Foto: Nós Diario)
A organización non gobernamental asociada coa Unesco, afirma que “dentro desta industria existen unha serie de elementos arquitectónicos e instalacións que terán un forte impacto na paisaxe que define a ruta xacobea

Tal e como avanzou Nós Diario o pasado 26 de marzo, a afectación da macrocelulosa de Altri en Palas de Rei (A Ulloa) poría en perigo a consideración de Patrimonio da Humanidade do Camiño de Santiago.

Esta cuarta feira, o Consello Internacional de Monumentos e Sitios (Icomos) confirmaba este extremo nun comunicado no que, esta organización non gobernamental asociada coa Unesco, afirma que “dentro desta industria existen unha serie de elementos arquitectónicos e instalacións que terán un forte impacto na paisaxe que define a ruta xacobea e que, polo tanto, si afectan en gran medida ao ben de Valor Universal Excepcional”.

Icomos-España recomenda ademais no seu comunicado ás autoridades responsábeis que fagan “unha Avaliación de Impacto Patrimonial independente, que analice profundamente os impactos, sobre todo desde o punto de vista visual e de apreciación; que estude alternativas, que propoña medidas de mitigación e que conte coa participación das comunidades locais”.

Tal e como advertía Nós Diario en marzo , a modificación da paisaxe no Camiño Francés tanto en Palas de Rei como en Melide ameazan este recoñecemento internacional, cuestión porén que a secretaria xeral do Partido Popular na Galiza, Paula Prado, cualificou de "bulos" nas súas redes sociais.

Concellos como o de Arzúa e Melide presentaron alegacións contra o proxecto neste senso co obxectivo de protexeren o Camiño de Santiago. No caso do Concello de Palas de Rei, o seu alcalde, Pablo Taboada (Partido Popular), recoñecía nunha entrevista a Nós Diario que poderían ser precisos estes informes de Patrimonio para poderse instalar a macrocelulosa de Altri na Ulloa.