Os cambios da Lei trans desde os ollos do colectivo

Alicia Arruti, Eric Dopazo e Nee Barros.
A aprobación da coñecida como Lei trans culminou un debate parlamentario centrado nos dereitos e reivindicacións deste colectivo, un dos moitos integrados no movemento LGBTI ao que se refire a norma, necesaria mais "pouco revolucionaria", segundo as persoas consultadas por 'Nós Diario'.

A lei colleu o nome das persoas trans porque é a elas a quen van dirixidas algunhas das medidas centrais que se están a aplicar desde o pasado 2 de marzo. Alicia Arruti, unha moza de 16 anos de Ponte Caldelas, foi a primeira menor galega en acudir ao rexistro civil para facer valer o seu dereito á autodeterminación de xénero.

Coincidindo coa entrada en vigor da norma, madrugou para solicitar o cambio de sexo rexistral polo que levaba agardando "moito tempo". Agora, en catro meses, confía en dispor dun documento de identidade que a represente, sen mais burocracia que a espera e a súa propia declaración ante a persoa encargada do rexistro.

A mudanza do sexo rexistral, a letra que aparece na documentación persoal de cadaquén, é unha das medidas aprobadas que máis deu que falar, asegura en declaracións a Nós Diario Nee Barros, divulgadore cultural, escritore e youtubeire. O texto lexislativo, di, estabelece un avance para as persoas maiores de 16 anos, pero complica as cousas para as menores de 12, "que non poden mudar a mención relativa ao xénero", algo que tiñan conseguido antes por sentenza, e tamén para as de entre 12 e 16 anos, "ao requirir un trámite xudicial de 12 a 14 e a autorización das persoas que exerzan a representación legal das crianzas de 14 a 16".

Ser trans non é algo que vai cos roles de xénero

O trámite que fixa agora a norma a partir dos 16 anos "bebe máis da autodeterminación", explica. "O proceso alárgase dunha forma que non parece cumprir ningunha función ─tres meses máis un cuarto até recibir a documentación nova─, pero temos que celebrar que xa non se piden informes de disforia de xénero nin dous anos de hormonación" como cumpría até o de agora.

Despatoloxización

A despatoloxización do colectivo trans é un paso adiante, afirma Barros. "Supón que nós nos responsabilizamos dos nosos propios procesos sen necesidade de pedir unha confirmación a unha persoa profesional médica, nomeadamente psicóloga ou psiquiatra, encargada dun diagnóstico de algo que non é unha enfermidade".

A nova lei permite prescindir duns procesos "moi violentos e baseados en estereotipos". Segundo relata Barros, o test para a disforia de xénero consistía nunhas probas que "basicamente preguntaban se che gustaba xogar con coches ou pintar os beizos. E ser trans non é algo que vai cos roles de xénero" ao igual que tampouco significa "querer hormonarse ou querer modificar o teu corpo", engade. Son requisitos que o novo texto elimina "e isto é moi bo", di, se ben considera que a lei non é "nin superinnovadora nin revolucionaria".

O que antes era un insulto frontal agora revístese de preocupación, dun 'a ver se te vas arrepentir'

Para o activista Éric Dopazo, a norma aprobouse "baleira de contido". Aplaude a despatoloxización, o menor peso da hormonación e a maior axilidade burocrática do cambio de sexo rexistral. Recoñece tamén a forza do asociacionismo e unha visibilidade crecente, "mais as narrativas seguen sendo as mesmas: cuestiónasenos o dobre e séguesenos a patronizar. O que antes era un insulto frontal agora revístese de preocupación, dun 'a ver se te vas arrepentir'".

Dopazo amósase pesimista e sinala as manifestacións "rotas" do 8-M. "Non entendo que se estea a centrar a loita en fragmentarnos nin que, antes de reproducir a violencia, non nos paremos a pensar por que nos molesta tanto que unha persoa poida ter acceso a un documento de identidade que a represente". O que necesita o colectivo trans, afirma, é que deixe de normalizarse a violencia e contar cunha lei que non abandone ninguén, "como fai esta coas persoas menores, as migrantes e as non binarias".

Unha lei binaria

"Eu non podo ir ao rexistro e pedir que na miña documentación poña que son unha persoa de xénero non binario, ou mellor aínda, que non apareza xénero ningún, que é o que a min me gustaría", asegura Barros, quen confesa sentir un sabor agridoce. Tras esperar coa lei anterior case dous anos por un cambio de sexo rexistral que finalmente lle denegaron, botará man da nova norma para solicitalo: "Dentro do espectro non binario achégome máis ao que é ser un home, por iso pedirei unha mudanza, de feminino a masculino. Creo que será un proceso máis doado".

Para Barros, o máis urxente tras a entrada en vigor da lei é traballar para que o texto que se aprobou "se coñeza e se aplique ben", e tamén para que as actividades de promoción do emprego, difusión, divulgación e investigación arredor do colectivo que contempla gocen de recursos e prazos concretos. "Se non hai un plan de acción, non hai nada sobre o que soster esas boas intencións", insiste Dopazo. 

Persoas intersexuais

A lei trans tamén se refire ás persoas intersexuais, "algo do que non se falou o suficiente", sinala Barros, persoas cuxo corpo non se corresponde co que socialmente entendemos como corpo de home ou de muller. A norma contempla que "cando unha crianza intersexual nace, a familia pode deixar en branco a mención relativa ao xénero na súa documentación, pero só durante un ano". Ese prazo non é suficiente, di, "porque non cambia nada".

Por outra parte, a lei recolle que até os 12 anos están prohibidas as cirurxías para persoas intersexuais, "algo que antes se facía simplemente para lograr un corpo máis normativo", pero que por "saúde física" non eran necesarias, apostila.

O que si admite a lei, finaliza, é a modificación xenital de menores de 12 a 16 años cando por "idade e madurez" e baixo criterio clínico, poidan consentir "de maneira informada a realización de ditas prácticas" e así o soliciten. En opinión de Nee Barros, o texto deixa a aberta a que se siga facendo "algunha cirurxía inxusta", polo que hainque ver como se aplica.

Maior protección

En materia de protección contra a LGBTIfobia, Barros destaca dúas novidades que poden chegar a mudar moitas vidas: a inversión da carga da proba e a lexitimación activa. "Con indicios suficientes, será a persoa agresora ou que discriminou outra do colectivo quen teña que xustificar que non o fixo por iso", explica Barros.

Son medidas que axudarán a denunciar máis, xa que entre 39 e 96% das persoas LGTBI que sufrían discriminación non o facían

Ademais, quen sexa vítima de LGBTIfobia poderá delegar nunha entidade a denuncia do seu caso para que o faga no seu nome, o que evitará unha vitimización secundaria "moi habitual", di. "Creo que son medidas que axudarán a denunciar máis, xa que entre 39 e 96% das persoas LGTBI que sufrían discriminación non o facían".