Saúde

Cambio de hora: insomnio, dor de cabeza, 'jet lag' e outros síntomas que podes sufrir

O insomnio nos días posteriores é unha das principais consecuencias do cambio de hora. (Foto: Nós Diario)
Os reloxos atrasáronse esta madrugada unha hora para dar paso ao horario de inverno.

O cambio horario que se produciu esta madrugada —atrasando os reloxos ás 3 horas para que fosen de novo as 2h— para dar paso ao horario de inverno pode xerar durante os días seguintes efectos na saúde como insomnio ou dor de cabeza, que senten especialmente as crianzas e anciáns, aínda que sentirán menos que cando se cambia ao horario de verán, xa que se gañou unha hora de soño.

A doutora Milagros Merino, coordinadora da Unidade de Trastornos Neurolóxicos e de Soño do Hospital de La Paz, explica que o corpo humano vive o cambio horario como un jet lag ou desaxuste horario durante "dous ou tres días", malia que determinadas persoas, segundo o seu cronotipo, poden sentilo durante máis tempo.

Nos días inmediatamente posteriores ao cambio horario, destaca, é habitual ter insomnio, dor de cabeza pola mañá, sensación de cansazo, irritabilidade e efectos nocivos tamén sobre a produtividade, que diminúe. "Consecuencias agudas que non son a longo prazo", precisa, en declaracións á axencia Europa Press.

A experta apunta que o impacto pode notarse máis en nenos e nenas e xente maior, pois son máis sensíbeis a estes cambios, así como nas persoas con cronotipo máis matutino. "Esas persoas que se deitan e erguen cedo nótano máis que as que son 'búhos', as noctámbulas, que se adaptan mellor", concreta.

A especialista en medicina do soño subliña que, aínda que tanto o cambio de hora de primavera como o de outono conlevan ese jet lag, os síntomas son máis agudos cando o cambio horario supón restar unha hora de soño. Para paliar este situación de insomnio, a neurofisióloga lembra que se pode recorrer a fármacos, mais matiza que é recomendábel que sexan "o máis lixeiros posíbel", por exemplo a melatonina.

"O fundamental é adaptarnos ao ciclo biolóxico da noite e o día. É dicir, cando haxa un cambio horario, se saímos pola mañá e hai luz, que non usemos os lentes de sol para que esa luz sincronice o ritmo coa noite e o día máis rapidamente, que nos deitemos con escuridade. Simplemente é adaptarnos e usar os lentes de sol eses primeiros días, pouco", recomenda.

É conveniente o cambio de hora?

Nas páxinas do Nós Diario deste sábado debateron sobre a pertinencia do cambio de hora o catedrático da USC Jorge Mira e o educador social Lito Prado. Podes ler os seus argumentos e expresar a túa opinión aquí.