O DEBATE | Hoxe volvemos cambiar a hora: é necesario e conveniente?

Na madrugada do domingo o 'DeLorean' fará que ás 3 horas sexan as 2h.
A madrugada do sábado 28 ao domingo 29 terá lugar o cambio de hora que deixa atrás o horario de verán. Así, ás 3:00 horas serán as 2:00. Unha mudanza que segue a xerar debate.

O debate de Fondo

Lito Prado. Educador social

A muda a horario de verán e inverno busca un mellor aproveitamento do maior número de horas de luz na época estival e un aforro enerxético. Desde finais do século XVIII véñense presentando distintas propostas de horarios, se ben, xeneralizouse a súa aplicación na meirande parte dos países no século XX. En Europa acabouse de implantar na década de 1970, na chamada crise do petróleo. A principios do actual século comezan a aparecer moitos estudos que poñen en dúbida o aforro enerxético desta medida por mor dos cambios nos procesos industriais, a aparición de novos procesos produtivos e a implementación de fontes de enerxías renovábeis dependentes de particulares.  Ao mesmo tempo xorden numerosos estudos que amosan as consecuencias negativas que ten para a saúde a muda do horario. 

Isto fai que este cambio de hora comece a suprimirse en moitos países. Así por exemplo, este mesmo ano, México, único país de América que mantiña o horario de verán, aprobou unha lei para abolilo. Neste sentido na UE está o debate enriba da mesa  que, máis cedo que tarde, desembocará na súa supresión. A racionalización de horarios está relacionado co xeito como organizamos as horas do día dependendo das nosas obrigas, necesidades, desexos, intereses... É o elemento que maior distorsión introduce no debate de mudar a hora.

A meirande parte dos países do mundo tentan parellar ao máximo o seu horario adoptado co horario solar conseguindo así un maior respecto polos biorritmos humanos e grandes beneficios para a saúde como é o descenso da ansiedade ou a facilitación do sono, entre outros; mais tamén porque supón unha maior eficiencia da xestión de horas de luz dende un punto de vista económico, enerxético, social e ecolóxico.

Para iso sitúanse no seu fuso horario e, dependendo da súa extensión ou características, fan convivir varios fusos horarios dentro do seu territorio (EUA ten 6 fusos horarios e Rusia ten 11) ou, incluso, implementan fusos horarios de duración distinta a 1 hora, por exemplo na India a hora UTC é de 5 horas e media, ou Australia que ten, entre outras, unha franxa horaria de media hora (Illa de Lord Howe).  

E que pasa coa Galiza? Case a tres cuartas partes do territorio galego atópanse na franxa horaria -1. Iso fai que se ao actual fuso horario do Estado español sumamos ao cambio de horario no verán  topámonos que nalgúns concellos occidentais galegos a diferenza entre o mediodía solar e o oficial chegue a exceder os 160 minutos. 

Galiza é o territorio do Estado español que peor sae parado coa hora, atopámonos en grande parte inmersos noutro fuso horario. Por iso se me preguntades a min, téñovos que responder que A Galiza debería estar na franxa horaria -0,5, e dicir, nunha zona horaria especial para a nosa situación (como tantas outras que hai noutros países) de media hora. 

De inicio confórmome con que o Estado español volva o que é o seu fuso horario, retrasando así unha hora os nosos reloxos, mais moito me temo que na medida que esta mudanza climática, que estamos a vivir, teña consecuencias moito máis visíbeis, prexudiciais e catastróficas non teremos máis remedio que mudar a zona horaria especial galega de -0,5 (si, media hora menos que Madrid).


E con que hora quedamos?

Jorge Mira. Catedrático da USC

Se se suprime o cambio estacional de hora, con que hora quedamos? Se se aplicase o horario de inverno todo o ano (UTC+1), durante 4 meses ao ano estaría a amencer antes das 6 da mañá na costa catalá (a esa hora non hai moita poboación que puidese aproveitar a circunstancia). Se se aplicase o horario de verán todo o ano (UTC+2, a que prefire a gran maioría segundo as enquisas), durante 4 meses ao ano estaría a amencer en Galicia entre as 9 e as 10 da mañá, un momento de plena actividade.

Pero é que os números son aínda máis extremos se consideramos outros países europeos. E esa é outra: Europa non pode expoñerse a ter un mapa horario como un damero. Para empezar, os nosos veciños portugueses teñen moi claro que queren seguir facendo o cambio de hora. No pasado fixeron todo tipo de probas (entre elas eliminar o cambio) e saíron escaldados. Como dixo o responsable da hora portuguesa nun foro que organicei en Galicia a finais de 2018 , Portugal é un laboratorio sociolóxico de primeira magnitude para valorar os impactos deste tipo de medidas: durante máis dun século experimentou en varias ocasións diferentes posibilidades, entre elas a eliminación do cambio estacional de hora… Todas elas foron un fracaso.

Portugal, a través dun mecanismo de proba-erro, é a demostración empírica de que é necesario o cambio estacional de hora nun país da súa latitude e que non se pode xogar coa asignación de fuso horario á que a poboación se adaptou tras décadas e na que integrou socialmente as súas marcas horarias de referencia. Vivimos ao redor do paralelo 43°N, onde pasamos de ter 15 horas e media de luz diúrna no verán a só 9 horas no inverno. O momento de saída e posta do sol móvesenos unhas 3 horas cada 6 meses. Non só iso: durante tres meses ao redor do solsticio de verán o sol cae máis en picado sobre Madrid que sobre o centro de Quenia (por onde pasa o Ecuador), e durante tres meses ao redor do solsticio de inverno dá menos o sol que na maior parte da costa da Antártida. Todo isto é debido á inclinación do eixo de rotación da Terra con respecto ao que marca a translación ao redor do Sol. Son 23,5° e hai que ter en conta que ese eixo non varía ao camiñar sobre a órbita, co cal a finais de xuño o polo norte estará 23,5° inclinado cara ao Sol e, a finais de decembro, inclinado o mesmo cara ao lado contrario. Total: o noso planeta baila a friorenta de 47° cada 6 meses!  

Por iso cambiamos a hora dúas veces ao ano: porque esas variacións de inclinación fan que o punto de activación do día oscile demasiado. Os humanos primitivos levantábanse co sol, pero os de agora levantámonos cun reloxo, que vai a piñón fixo, non ten en conta ao sol e, por tanto, se non é corrixido espertaranos no verán cando o sol estea xa moi alto (se es dos que espertas ás 5 da mañá, ten presente que falo da media da poboación española). Se non se fixese o cambio estacional de hora, ás 8:30 da mañá de xuño e xullo o sol estaría máis alto sobre o horizonte do que está en calquera momento de decembro e xaneiro, e iso en calquera parte da península. Isto fai que o cambio estacional de hora si valla a pena, aínda que como saberedes hai xente que afirma o contrario.

Entre os opositores á medida hai xente que provén do mundo da cronobioloxía, que nos lembra a importancia de coidar o noso ritmo circadiano e vivir sintonizados co sol. E, oian, non podo estar máis de acordo. De feito,  o cambio estacional de hora faise precisamente para sintonizarnos co sol. Por iso sorpréndeme tanto que haxa cronobiólogos que queiran abolilo, porque vai en contra dos seus principios.