O cambio climático reduciría a renda na Galiza até nun 20%

O cambio climático alimenta eventos extremos como incendios, secas ou innundacións, cada vez máis frecuentes (Foto: Antonio Gálvez López).
A renda per cápita na Galiza pode reducirse até un 20% en 25 anos como consecuencia do cambio climático. Este é o escenario que contempla o estudo publicado esta semana por un equipo internacional de persoas investigadoras e científicas no que se analiza o impacto do cambio climático en 1.600 rexións do mundo, entre elas a Galiza. 

A economía galega reducirá até o ano 2049 os seus ingresos entre un 10 e un 20% como consecuencia do cambio climático. Unha porcentaxe que, a trazos xerais, se repite na inmensa maioría das rexións europeas —agás Andalucía ou Estremadura, que sobrepasarían 25%—. No caso do Estado español a redución media na economía sería de máis do 19%, en Italia de 15% e en Alemaña de 11%. Pola contra, en Noruega ou Suecia o impacto reduciríase a menos do 1,5%.

Os datos veñen de ser publicados na revista Nature por un equipo internacional de científicos liderado por Leonie Wenz, investigadora do Instituto de Potsdam para a Investigación do Impacto Climático (PIK), de Alemaña.

"Mesmo se se reducisen drasticamente as emisións de CO2 a partir de hoxe, a economía mundial xa está abocada a unha redución de ingresos do 19% até 2049 debido ao cambio climático", indican. A investigación emprega os resultados empíricos recentes de máis de 1.600 rexións durante os últimos 40 anos para proxectar os danos subestatais derivados da temperatura e as precipitacións, incluída a variabilidade diaria e os fenómenos extremos. 

Impacto múltiple

O traballo non detalla explicitamente cifras de perdas económicas por Estados, pero utiliza datos de acceso público cos que se pode calcular o impacto económico do cambio climático por países e rexións. A Galiza entraría na cohorte de 10 a 20% de perda de ingresos da súa economía. A renda dispoñíbel bruta por habitante na Galiza en 2022 —último ano con datos— é de 16.907 euros. Unha redución do 20% deixaríaa en 13.525.

Efectos

O economista Marcelino Fernández Mallo ve con "escepticismo" as conclusións rexionais deste estudo, ao que, iso si, non tira validez científica e académica. "Eu dubido que a través dun modelo econométrico saiban a renda que vai perder unha rexión a 10 anos vista", indica a Nós Diario. Recoñece que, "evidentemente", o cambio climático vai ter repercusións negativas na economía mais chama a ter en conta as "positivas".Entre elas, "o valor e importancia que pasa a ter a auga" en termos económicos.

Pola súa parte, o economista Daniel Martínez apunta a Nós Diario que en sectores como o primario, "que ten un peso importante na nosa economía", nestes anos xa se puideron notar efectos do cambio climático no agro, gandaría e pesca. "É un dos motivos de preocupación entre os profesionais", apunta. Mais, sinala, o efecto vai máis aló dos sectores primarios, pois hai que cuantificar o impacto do cambio climático en termos económicos a respecto de infraestruturas, incendios ou recursos hídricos.

En relación ao papel da Xunta da Galiza, desde o Observatorio Galego de Acción Climática apuntaban nun informe de 2022 que o Goberno "non fai practicamente nada para reducir emisións".