O cambio climático ameaza con reverter os avances en saúde segundo a OMS

As consecuencias do cambio climático son cada vez máis alarmantes segundo a OMS (Foto: Rolf Vennenbernd / dpa).
"A crise climática é unha crise de saúde que provoca fenómenos meteorolóxicos máis graves e impredicíbeis, alimenta gromos de enfermidades e contribúe a taxas máis altas de enfermidades non transmisíbeis", afirma o Director Xeral da Organización Mundial da Saúde.

Un informe de varias axencias coordinado pola Organización Meteorolóxica Mundial (OMM) reflicte como o cambio climático ameaza con reverter décadas de progreso cara a unha mellor saúde e benestar. Sinala que os recursos científicos poderían equilibrar a situación “mais non son suficientemente accesíbeis nin utilizados”. Destaca a necesidade de información e servizos climáticos personalizados para apoiar o sector da saúde fronte a condicións climáticas extremas e mala calidade do aire, enfermidades infecciosas e inseguridade alimentaria e hídrica.

Para 2030 prevese que o número de desastres de media ou gran escala chegará a 560 por ano, é dicir, 1,5% por día. Segundo os datos do informe os países cunha cobertura limitada de alerta temperá sofren unha mortalidade por desastres oito veces maior que os países cunha cobertura substancial ou integral.

As mortes debido á calor entre os anos 2000 e 2019 situáronse aproximadamente en 489.000 por ano. A carga máis alta concentrouse en Asia con 45% e en Europa con 39%. No verán pasado a calor extrema cobrouse 60.000 mortes en 35 países europeos. "Practicamente todo o planeta experimentou ondas de calor este ano. A aparición do Neno en 2023 aumentará en gran medida a probabilidade de bater aínda máis récords de temperatura”,  afirmou o Secretario Xeral da OMM, profesor Petteri Taala.

"A crise climática é unha crise de saúde que provoca fenómenos meteorolóxicos máis graves e impredicíbeis, alimenta gromos de enfermidades e contribúe a taxas máis altas de enfermidades non transmisíbeis", afirma o doutor Tedros Adhanom Ghebreyesus, Director Xeneral da Organización Mundial da Saúde (OMS). "Ao traballar xuntos para facer que os servizos climáticos de alta calidade sexan máis accesíbeis para o sector da saúde, podemos axudar a protexer a saúde e o benestar das persoas que enfrontan os perigos do cambio climático", engade.

 As preocupacións sobre a calidade do aire, o cambio climático e a saúde están relacionadas. As medidas de mitigación climática destinadas a reducir a contaminación do aire poden salvar vidas. A pesar disto, "só 2% dos compromisos de financiamento climático asumidos polos financiadores internacionais de desenvolvemento en países en desenvolvemento e emerxentes está dirixido explicitamente a abordar a contaminación do aire, a pesar de que é a ameaza ambiental máis perigosa para a saúde", lembra o IPCC.

A organización opina que non hai investimento suficiente para mellorar as capacidades do sector da saúde. Actualmente, "só 0,2% do total do financiamento bilateral e multilateral para a adaptación apoia proxectos que identifican a saúde como o enfoque principal, e o investimento na capacidade para unha ciencia e servizos climáticos multisectoriais e eficaces é minúscula". Opinan que isto debe cambiar.