Camariñas festexa o encaixe desde a tradición e a vangarda: "Palillo con toda a ilusión a cada momento que teño"

A inauguración da mostra, esta cuarta feira , en Camariñas. (Foto: Concellos de Camariñas)
Camariñas celebra desde esta cuarta feira e até o domingo a XXXV edición da Mostra do Encaixe, unha feira monográfica dedicada a un tecido artístico e artesanal que combina tradición e modernidade. 'Onde o fío se converte en arte' é este ano o lema dun encontro que cada ano reúne perto de 20.000 persoas e no que máis de medio milleiro de encaixeiras exhibirán o seu labor. 

Un mapa da Galiza elaborado en encaixe ilustra o cartel da XXXV Mostra do Encaixe de Camariñas Deputación da Coruña, unha cita que esta cuarta feira abriu as súas portas co tradicional encontro de encaixeiras e encaixeiros da Costa da Morte, no que tamén participa o alumnado das escolas municipais. As xeracións máis novas son as garantes dun traballo artesanal que até ben avanzado o século XX, tanto en Camariñas (Terra de Soneira) como no resto dos concellos da zona, as avoas aprendían ás netas. "O encaixe é unha herdanza que grazas á promoción que se iniciou a finais dos anos 80 non se perde", explica a Nós Diario Dolores Lema, directora da mostra desde o ano 2002. Daquela, as escolas infantís de palillo viñeron acompañar o labor desas mulleres que, até entón, eran valedoras, nun espazo máis íntimo, dun coñecemento artístico que hoxe presume dunha gran canteira.

As escolas ensinan a palillar, a deseñar e a incrustar. Guían as xeracións máis novas na aprendizaxe dos primeiros puntos, mais tamén as encaixeiras adultas que buscan perfeccionar algún que xa probaron a facer algunha vez. "Hai moitos puntos, pero os máis básicos son o par enteiro, o medio par, o zurcido, o casadillo, o punto de araña...", enumera Lema. Son diferentes formas de entrelazar os fíos, "e estas son sempre as mesmas, o que mudan son os debuxos finais, as propostas que nos chegan, ben de deseñadores de moda, ben das nosas propias palilleiras para crear un encaixe novo".

Todo é encaixe

Todas as ideas teñen cabida dentro do encaixe, afirma a directora da mostra, mais para darlles xeito "hai que saber palillar". Desde que se formula unha proposta orixinal até que se logra o tecido artístico final entran en xogo distintos saberes: o da persoa creadora que lanza a idea, o da deseñadora de encaixe que fai as adaptacións necesarias para lograr esa peza sen necesidade de "cortar nin coser" e o da palilleira ou palilleiro encargado de mover os "bolillos" até completar o encaixe.

Este proceso foi o que seguiu a idea orixinal de Estefanía e Pedro Orgaz para o cartel da Mostra do Encaixe deste ano. Estes dous irmáns, que en 2025 gañaron o concurso 'Deseñadores noveis' coa colección Mitra, inspirada no simbolismo do Entroido de Laza e nas máscaras dos peliqueiros, son os responsábeis dun deseño que conxuga o traballo artesanal dos palillos e a edición dixital. "Tiñamos varias ideas sobre a mesa, pero a que máis nos atraía era a de crear un mapa da Galiza en encaixe. Comentámolo con Dolores Lema e encantoulle, até o punto de que nos animou a converter esta idea nunha peza real". E así se fixo. A proposta dos irmáns Orgaz viaxou de Culleredo, onde teñen o seu taller, a Camariñas, onde unha deseñadora de encaixe confeccionou o padrón que guiou o xogo de palillos dunha encaixeira da Costa da Morte. "Xuntamos a tradición de Camariñas co traballo dixital, que nos valeu para colgar uns cantos bolillos do mapa e colocar uns alfinetes en Camariñas, a  modo de localización, e todo sobre un fondo azul que busca simbolizar, tamén, a bandeira da Galiza".

Desfiles de moda

Esta imaxe é a carta de presentación dunha mostra que se desenvolve até o domingo baixo o lema 'Onde o fío se converte en arte'. Máis de medio millar de encaixeiras exhibirán o seu labor no pavillón A, onde o público tamén encontrará distintos espazos de venda dedicados ao encaixe, elaborado como traballo independente ou integrado noutras artesanías, como é o caso da olaría de Buño (Malpica de Bergantiños).

Pola súa parte, o pavillón B fica reservado para os grandes e os novos deseñadores. Os desfiles, en horario de mañá e tarde, reinarán nese segundo escenario con pases de marcas xa consagradas como Ana Cabranes, Claudina Mata, Devota&Lomba, Innamoretto, José Perea, Andion Clothing, Dolores Cortés, El Pulpo, José Matteos, Ôse Couture, Xoaquín Ruíz ou Ondas do Mar e talentos noveis que hoxe mesmo competirán coas súas creacións por 4.500 euros en premios. "A mostra é xenial e o concurso é marabilloso", afirma o gañador do ano pasado, Pedro Orgaz. "Ofréceche unha gran proxección e creo que moita máis xente debera apuntarse". O deseñador gaba as posibilidades do encaixe, que el e a súa irmá Estefanía aprenderon a recoñecer e a valorar grazas a unha veciña de Culleredo que, de cativos, lles contaxiou o gusto polos palillos.

A Mostra do Encaixe de Camariñas deste ano contará taméncunha nova edición do desfile ArtEncaixe, coas achegas de artesáns procedentes de toda Galiza; o Pequeencaixe, que este primeiro de abril xa se estreou para dar conta da creatividade dos máis cativos nun desfile que amosa ao público como incorporar á roupa infantil os seus propios deseños; o pase das encaixeiras senior durante o acto de clausura, na tardida do domingo, e a mostra das delegacións internacionais, chegadas este ano da Arxentina, Bulgaria, Eslovaquia, Italia, Polonia, Portugal e Catalunya, e que que terá lugar tanto hoxe como mañá.

Toda unha vida dedicada ao encaixe

Cada ano, de media, visitan a Mostra do Encaixe de Camariñas unhas 20.000 persoas. Achéganse a coñecer, a compartir e a mercar o labor tradicional de palilleiras como Lola Caamaño. Ten 74 anos, aprendeu con 4 "cunhas señoras de Xaviña". Segundo conta, leva "toda a vida" palillandoe aínda despois de tanto tempo faino "con toda a ilusión a cada momento que teño". Traballou sempre no encaixe, por gusto e tamén por encarga: manteis, cortinas, xogos de cama, toallas... Sempre dedicada a crear e a vender. Hoxe, despois de aprenderlles ás netas, comparte o seu saber nunha asociación local onde cada tarde  "desde as catro até as oito", merendan, cantan e fan "vida social".

"A mostra para nós é unha festa. Eu vou sempre, irei palillar todos os días. Eu diría que o oficio ten moitos séculos, pero a mostra deulle sona. O encaixe atrae deseñadores e encaixeiras internacionais", salienta orgullosa.

Avenida das Palilleiras

Esta mesma cuarta feira, na pasarela de desfiles do recinto da Mostra do Encaixe decorreu un pleno extraordinario do Concello de Camariñas para aprobar a modificación da denominación da actual Avenida Ambrosio Feijoo, que pasará a chamarse Avenida das Palilleiras.