O calvario das mulleres con endiometrose no CHUS

Citas a máis dun ano vista e carencia dunha consulta específica para o tratamento desta doenza crónica deterioran a atención a estas pacientes no Complexo hospitalario de Compostela. 

“As queixas son cada vez máis frecuentes”. Desde a asociación querENDO Mulleres con endiometrose recoñecen que nos últimos tempos están a comprobar como aumentan as protestas que reciben de pacientes con esta doenza crónica a respecto do CHUS (Complexo hospital universitario de Santiago). Que citas de control e probas que se deberían estar dando para este mes de maio se estean a conceder para dentro de 13 meses é un motivo de preocupación e alarma, sosteñen desde querENDO.

 

Porén, o malestar principal deriva de que o hospital da capital de Galiza careza de consultas específicas de endiometrose, como si teñen o CHUAC da Coruña, o Álvaro Cunqueiro de Vigo ou o CHOU de Ourense. Non ter este servizo ten consecuencias directas: as mulleres que padecen esta doenza teñen con frecuencias que acudir a revisións e probas non teñen nin días, nin horarios nin profesionais específicos.

 

Esta doenza crónica pode afectar a múltiples órganos do corpo: ovarios, útero e trompas as máis frecuentes pero tamén aparato urinario, dixestivo, pulmonar ou aparecer na epiderme sobre unha cicatriz dunha antiga operación, no embigo…. Ao carecer de unidade específica, estas mulleres vense abocadas a compartir os mesmos tempos de espera de mulleres sen patoloxías concretas que van facer revisións xinecolóxicas de control porque comparten os mesmos profesionais de atención e as mesmas listas de espera.

 

Demandas

 

Por iso querENDO demanda que se creen consultas específicas no CHUS e no Lucus Augusti e que se poña en andamento unha unidade multidisciplinar en Galiza para endiometrose. Ademais, piden que se adopten medidas para reducir as listas de agarda.