Endometriose: loitadoras contra a dor

Máis de 170 millóns de mulleres en todo o mundo padécena. Na Galiza, estímase que lle afecta a 60.000 e que 9.000 posúen o grao máis grave. É a endometriose, unha doenza que consome por dentro e provoca dores extremas. Abordamos distintas perspectivas da enfermidade, que consiste no crecemento anómalo do endometrio, da man de mulleres que a padecen, dunha xinecóloga e dunha sexóloga. Eis un extracto da reportaxe, publicada no número 289 de Sermos Galiza.

As menstruacións de Carme Varela foron sempre “dolorosas”. No instituto o sufrimento era xa considerábel e na carreira incrementouse, “tiña interiorizado que a algunhas mulleres lles doe e que a outras non e, en certa maneira, atrasei o diagnóstico”, narra, en conversa con Sermos Galiza. Aos 28 anos, en 1998, nunha consulta xinecolóxica, explicou que se desmaiaba coa dor cada vez que tiña o período, mais non logrou o diagnóstico até 2011. “En todos eses anos, recibín contestacións do tipo neniña, tes que aguantar un pouquiño a dor porque tes o útero en retroversión; véxote moi preocupada pola dor, xa se che pasará cando teñas fillos –dando por sentado que o meu destino era ser procreadora–…”. Respostas que escoitaron acotío as mulleres con endometriose –enfermidade que consiste no crecemento anómalo do endometrio, do tecido do útero–. Respostas que representan unha cara máis dunha sanidade que tamén carga co machismo ás costas.

 

“As regras eran un absoluto inferno e tiven a sorte de que a dor fose só nas regras, e non fóra delas, porque a dor era totalmente destrutiva, unha dor no ventre moi forte, moi punzante e, en cuestión de minutos, desmaiábame, mesmo na rúa”, explica, “é como se che tirasen das tripas para abaixo, como se tiveses algo enganchado”. Ningunha das dores que sentiu na súa vida é comparábel ao padecido coa endometriose, “nin sequera cando partín a mandíbula”.

 

O diagnóstico de Carme chegoulle cando a operaron dun tumor no ovario. Nese momento, a endometriose xa era de grao IV, a máis grave, con afectación no intestino e no aparato urinario. Alén de perder un ovario, na intervención ficou sen o útero. “O informe da operación recollía que a endometriose fora unha descuberta casual e engadía que a paciente era asintomática. Aí discrepamos, porque eu en todas as consultas ás que ía indicaba que me desmaiaba, literalmente, coa dor cada vez que tiña a regra”, afirma. Após a operación, tivo que someterse a un duro tratamento de seis meses con Decapeptyl, medicamento que lle provocaba unha significativa perda de memoria, “nin sequera me saían as palabras”. Mais había segunda parte.

 

[Podes ler a reportaxe íntegra no Sermos Galiza 289, á venda na loxa e nos quiosques habituais]