A calidade de vida da poboación galega atópase nos lugares de cola do Estado

As condicións laborais determinan de maneira decisiva a calidade de vida. (Foto: Nós Diario)
As condicións de calidade de vida da poboación galega atópanse nos postos de cola do Estado. Segundos os datos achegados polo Instituto Nacional de Estatística só rexistran unhas cifras peores Andalucía, Canarias e Murcia. A evolución da última década apunta que a converxencia aínda vai para lonxe.

O índice de calidade de vida sitúase na Galiza en 100,4. Segundo a información achegada polo Instituto Nacional de Estatística (INE) para 2021, último ano con cifras, os rexistros galegos colócanse 1,4 puntos por baixo da media do Estado, que no pasado exercicio ficou en 101,8. A fenda entre unha e outra realidade mantense practicamente inalterábel desde 2008, incrementándose en dúas décimas no último exercicio.

Galiza aparece como fechacancelas neste índice. Só Andalucía con 98,6, Canarias con 99,3 e a Rexión de Murcia con 99,8 presentan unhas cifras peores. Neste caso, destaca a caída da calidade vida de Andalucía, superada por Galiza só a partir de 2017, e de Canarias, cuxo retroceso concretouse con forza en 2020, asociado ao impacto da pandemia no turismo. Precisamente, esta circunstancia levou o arquipélago a colocarse por baixo da Galiza.

As cifras presentadas para 2020 certifican un cambio de tendencia no índice de calidade de vida no Estado. Se ben á volta de 2019 xa era perceptíbel o retroceso nalgúns dos seus indicadores, no marco da desaceleración da actividade económica na zona euro, o proceso agudizouse, primeiro en 2020 coa pandemia e posteriormente coa crise de prezos, cun aumento dos beneficios empresariais, nun contexto de alza da enerxía.

Os números ofrecidos INE deixan ao descuberto as debilidades do modelos de benestar na Galiza. Neste caso, a calidade a vida da poboación galega é 5,5 puntos inferior á dos navarros, 4,9 puntos inferior á dos rioxanos, 4,1 puntos inferior á dos aragoneses, 4,1 puntos inferior á dos baleares, 3,8 puntos inferior á dos cántabros, 2,9 puntos inferior á dos vascos, 2,8 puntos inferior á dos valencianos, e 2,7 puntos inferior á dos asturianos.

O Indicador de Calidade de Vida vense elaborado de maneira continuada polo INE desde 2008 atendendo a unha metodoloxía análoga para a totalidade dos Estados da Unión Europea, sendo os seus datos validados polo Eurostat. A súa orixe é común a todos os países comunitarios e responde á idea de que o progreso e o benestar das sociedades non se pode medir unicamente en base a indicadores como o Produto Interior Bruto (PIB).

O INE ten en conta nove variábeis para determinar o índice de calidade vida: condicións materiais de vida, emprego, educación, saúde, ocio e relacións sociais, gobernanza e dereitos básicos, seguridade física e persoal, entorno e medio ambiente e experiencia xeral de vida. Neste sentido, os resultados para cada unha delas varían en función do territorio.

Euskadi sitúase á cabeza en condicións materiais de vida, traballo e educación; Nafarroa en saúde e entorno e medio ambiente; Cantabria en ocio e relacións sociais e seguridade física e persoal; e Illes Balears en gobernanza e dereitos básicos e experiencia xeral de vida.

Galiza ocupa o último lugar en experiencia xeral de vida e o antepenúltimo en saúde, con 98,4, e en gobernanza e dereitos básicos, con 94,3. O duodécimo lugar en entorno e medio ambiente e o décimo en  condicións materiais de vida, con 100,1, o que supón 0,33 décimas por riba da media estatal. Tamén rexistra o noveno posto en traballo, con 99,5, e en ocio e relacións sociais con 101,6; así como o sexto en en educación, con 110,4, e o quinto en seguridade física e persoal, con 106,5.

Fechacancelas en satisfacción global

A experiencia xeral de vida é unha variábel que xorde de medir os “sentimentos e as emocións”, o “sentido e o propósito da vida” e a “satisfacción global da vida”. Esta última sitúase na Galiza en 6,4 puntos, 1,3 puntos menos que a media do conxunto do Estado, non presentando ningunha outra comunidade unha cifra tan baixa.

Os índices de calidade de vida definidos polo Instituto Nacional de Estatística (INE) mediante o Indicador Multidimensional de Calidade de Vida rexistran uns resultados moi semellantes aos presentados noutros relatorios. Precisamente, a Autoridade Independente de Responsabilidade Fiscal (Airef) vén de sinalar que Galiza se atopa á cola do Estado en investimento en servizos públicos.

A debilidade dos servizos de benestar

O gasto en servizos sociais situouse en 2021 en 301 euros por habitante. Segundo a Airef, o investimento social por habitante colocouse 60 euros por baixo da media do conxunto do Estado, fixada en 370 euros e só por diante de Murcia, Aragón e Canarias. Na imaxe, Cristina Herrera, presidenta da Airef.