Xornada de folga pola calidade do ensino galego

A unión sindical do sector do ensino galego paraliza as aulas este 12 de decembro e pon en evidencia a falta de diálogo de Carmen Pomar, conselleira de Educación. O profesorado reivindica recuperar as horas lectivas perdidas e defende os sacrificios que fixo todos estes anos. Eis un estrato da peza publicada no número 376 do semanario en papel Sermos Galiza.

O profesorado galego chegou ao límite. Meses de negativas e silencios por parte da Consellaría de Educación coas forzas sindicais do ensino deron como resultado unha unidade histórica no sector e a convocatoria dunha folga xeral a quinta feira 12 de decembro. A reivindicación máis importante é a de recuperar as horas lectivas que perderon cos recortes. Estas horas son as que ten que realizar o profesorado de maneira presencial nas aulas e que se completan coas que empregan para realizar outro tipo de tarefas até sumar o horario de traballo. A xornada laboral é a mesma sempre mais estas horas reducen a realización doutras tarefas como actividades, dinamizar bibliotecas ou mesmo preparar aulas.

Desde CIG-Ensino, a principal forza sindical do sector, deixaron de solicitar máis xuntanzas coa Consellaría, como explica a Sermos Galiza o seu secretario xeral, Suso Bermello. “Tivemos mesa sectorial hai unha semana e non fixemos mención a pedir unha reunión que si fixeron outros sindicatos”, relata, “e a Consellaría nin respondeu”.

“A Administración ten que facer unha lectura desta situación na que todos os sindicatos fan unha fronte común nun tema como é a redución de horario lectivo”, explica a Sermos Galiza Julio Díaz, Presidente de ANPE-Galiza, “e é porque non hai un ambiente negociador por parte da consellaría desde hai moito tempo”. A coincidencia é total nos seis sindicatos, os tres con representación na mesa sectorial (CIG, CCOO e ANPE) e aqueles que teñen algunha representación nas xuntas de persoal (FeSP-UXT, CSIF e STEG). O propio Goberno galego tentou que non se chegase a esta situación e a propia conselleira Carmen Pomar xogou a carta da división, como explica José Manuel Fuentes Fariña, responsábel de Política Educativa de CCOO. “A conselleira tratou de desestabilizar esta unidade xa na primeira xuntanza que tivemos facendo mención a outros aspectos nos que non temos coincidencia”, relata.

Outra tentativa, desta vez cara a sociedade, é mostrar esta reivindicación como algo económico. “Nós non pedimos nada no ámbito económico”, sinala Julio Díaz, presidente de ANPE-Galiza, “seguiremos a ter 37,5 horas semanais mais queremos nese espazo de tempo ter horas para preparar as clases e atender mellor o alumnado”.

CIG-Ensino denuncia presións antes da folga

“A inspección educativa está a facer unha revisión pormenorizada dos horarios dos centros e non o fai polos cauces ordinarios”, explica Suso Bermello. Días antes da folga sucédense visitas aos equipos directivos, chamadas telefónicas ou correos electrónicos por parte da Consellaría de Educación coa intención de acomodar os horarios do profesorado. “Visitan determinados centros que polo número de alumnado, aulas e docentes igual ten unha dispoñibilidade horaria maior con tres ou catro horas de garda por indicación da propia Inspección no seu momento”, sinala Suso Bermello. As instrucións que está a dar a Inspección son, por exemplo, que ningún docente pode superar tres gardas lectivas, sinalando como cifra de referencia as dúas gardas. “Con esas horas podían cubrir o persoal que estivese de baixa e non se substitúe”, indica o secretario xeral da CIG-Ensino, “agora redúcenlle esas horas e póñenos a atender a diversidade, aínda que non son profesorado especialista e se falta profesorado terían que abandonar o alumno”. 

 

[Podes ler a reportaxe íntegra no número 376 do semanario en papel Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]