Un estudo constata a mala calidade do aire e os altos niveis de contaminación acústica en Vigo

Toma de mostras da calidade do aire na praza de América de Vigo. (Foto: Ecoloxistas en Acción)
Os niveis de partículas en suspensión e de ruído superan en boa parte da cidade os máximos recomendados pola OMS, segundo un traballo de medición realizado por Ecoloxistas en Acción e Greenpeace.

Un informe elaborado por Ecoloxistas en Acción e Greenpeace constata a "mala calidade do aire" na cidade de Vigo, así como uns niveis de contaminación acústica por riba dos máximos recomendados, coa praza de Eugenio Fadrique, en pleno centro, como 'punto negro' no que atinxe a partículas contaminantes en suspensión.

No informe, que foi presentado ante os medios esta cuarta feira, reflíctense os resultados de medicións tanto de partículas en suspensión como de niveis de ruído en once zonas da cidade, e corrobórase "o que xa se estaba a detectar polas estacións de medición oficiais" da Xunta —en Coia e a rúa Lope de Vega— e polas dúas estacións da planta de Stellantis, segundo explicou Cristóbal López, voceiro de Ecoloxistas.

Así, o documento pon o foco en contaminantes como esas partículas en suspensión, o óxido de nitróxeno, o dióxido de xofre ou o dióxido de carbono, todos eles presentes no aire como resultado das emisións do tráfico rodado, por incineración, por queima de residuos, ou por actividade industrial, entre outras orixes.

As persoas voluntarias das organizacións ecoloxistas realizaron senllas medicións no cruzamento de Álvaro Cunqueiro con Pintor Colmeiro, en Gran Vía con Regueiro, na intersección de Beiramar e a rúa da Coruña, a praza de Eugenio Fadrique, o 'nó' de Isaac Peral, o cruzamento de Choróns, Praza de España, Praza de América, o cruzamento de Lepanto e Gran Vía, o cruzamento do Farol e o inicio da avenida de Europa.

Segundo os datos recollidos, a concentración de dióxido de carbono nas rúas de Vigo supera na maioría de medicións as 630 partes por millón, o que supón até 53% máis que o valor medio presente de forma natural na atmosfera. A respecto das partículas en suspensión, os resultados tamén reflicten, en gran parte dos casos, valores superiores aos recomendados pola OMS, chegando mesmo a quintuplicalos en zonas resgardadas do vento e en días secos —caso da praza de Eugenio Fadrique—.

No referente á contaminación acústica, as organizacións ecoloxistas advertiron que "toda a cidade" supera os valores máximos recomendados, que son de 53 decibeis en medicións diúrnas e 45 decibeis durante a noite. No caso de Vigo, alcanzáronse valores medios por riba dos 70 decibeis en practicamente todos os puntos de medición e, nalgúns deles, superiores a 85 decibeis, explicou a activista Ana Pascual.

Medidas urxentes

Ante esta situación, e tendo en conta o "impacto na saúde" destes valores contaminantes, Ecoloxistas en Acción e Greenpeace reclamaron a toma de "medidas urxentes" na cidade, entre as que destacaron a necesidade de implantar xa as zonas de baixas emisións.

Ana Pascual lembrou que a implantación destas zonas, nas que está prohibido ou restrinxido o tráfico, é unha obriga para as cidades de máis 50.000 habitantes, no marco das actuacións impulsadas pola Comisión Europea e o Goberno estatal para adaptarse ao cambio climático, antes do remate de 2023.

Os colectivos ambientalistas urxen a creación de zonas de baixas emisións na cidade olívica.

No caso de Vigo, a Administración "vai con moito atraso" e nin sequera se coñece aínda como se implementará esta medida, apuntou Cristóbal López, que engadiu que deben tomarse tamén outras medidas, como o aumento da masa de árbores. "E isto co agravante de que o alcalde é presidente da FEMP, organismo que editou unha guía para municipios neste sentido, e el non dá exemplo", puntualizou, ao tempo que informou de que se remitirá o informe ao Goberno municipal.

Do mesmo modo, Ana Pascual reclamou melloras no transporte colectivo e máis zonas peonís, e lamentou que o modelo actual de cidade en Vigo "non se achega nin de lonxe ao dunha cidade sostíbel". Como exemplo, sinalou a intención do Goberno local de impulsar a construción dun vial de alta capacidade por Beade que "aumentará o tráfico e a contaminación".