Cales son as comarcas galegas con maior produción de eucalipto?

As plantacións de eucaliptos en fincas e grandes extensións de terreo aumentaron, segundo o Sindicato Labrego Galego. (Ence)
Desde a plataforma Por un monte galego con futuro, colectivo que agrupa a medio cento de entidades que traballa no ámbito forestal, sinalan que “a falla de realizarse o novo inventario forestal encargado polo Goberno galego xa hai voces autorizadas alertando que esta especie exótica invasora pode ocupar preto das 600.000 hectáreas na Galiza”.

A Asociación Forestal da Galicia (AFG), vén de elaborar un informe sobre a produción de eucaliptos na Galiza, que mostra que as comarcas de Ferrolterra, Ortegal, Bergantiños e As Mariñas son as que maior cantidade producen.

Así, as comarcas de Ferrolterra e Ortegal alcanzaron en 2021 os 957.000 metros cúbicos de eucalipto, mentres que Bergantiños e As Mariñas sumaron máis de 888.000 metros cúbicos.

Por esta produción eucaliptal, as dúas primeiras comarcas acadaron uns ingresos de 28,75 millóns de euros, mentres que as segundas recibiron unha contía de 26,65 millóns de euros..

En total, as catro comarcas superaron os 55 millóns de euros por vendas deste tipo de madeira ao longo de 2021, aos que hai que engadir outros 12,6 millóns de euros pola comercialización de piñeiro.

600.000 hectáreas en toda a Galiza

O Plan Forestal Galego de 1992 fixaba un máximo de 245.000 hectáreas de eucalipto para 2032. Porén, o último Inventario Forestal de Especies Produtivas elaborado polo Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación cifraba para 2018 en 300.500 as hectáreas de monocultivo de eucalipto e en 121.700 aqueloutras nas que a especie se atopaba presente dalgún modo.

Pola súa parte, desde a plataforma Por un monte galego con futuro, colectivo que agrupa a medio cento de entidades que traballa no ámbito forestal, sinalan que “a falla de realizarse o novo inventario forestal encargado polo Goberno galego xa hai voces autorizadas alertando que esta especie exótica invasora pode ocupar preto das 600.000 hectáreas na Galiza”.

A propia Xunta da Galiza recoñeceu en diversas ocasións a existencia de miles de hectáreas con plantacións ilegais de eucaliptos. Sen ir máis lonxe, en 2017, un ano antes da publicación Inventario Forestal de Especies Produtivas, a Xunta recoñeceu que nese exercicio identificaron un total de 1.650 plantacións ilegais, ordenando arrincar unha extensión forestal que suma 30.000 hectáreas para o conxunto da Galiza, 10.000 das cales atopáronse nas comarcas de Lugo. 

Na mesma liña, confirmou que nese ano foron apercibidos 995 propietarios forestais por repoboacións ilegais en terreos prohibidos, por cambio de actividade de terreos de uso agrario a forestal ou polo incumprimento das distancias de seguridade.