Caldas de Reis demanda rexenerar o monte Xiabre

Incendio perto de Vilagarcía de Arousa desde o Hospital do Salnés (Foto: Gustavo de la Paz / Europa Press).
O Concello de Caldas de Reis pide fondos ás Administracións galega e provincial para recuperar a zona.

No pleno extraordinario de Caldas de Reis aprobouse onte, por unanimidade dos tres grupos políticos con representación -PSOE, PP e BNG-, unha serie de medidas para a protección e rexeneración do monte Xiabre tras un incendio que arrasou 450 hectáreas.

En total, son oito as medidas aprobadas polo Pleno, entre as que se insta a Xunta da Galiza e a Deputación de Pontevedra a colaboraren cos recursos necesarios para facilitar a recuperación e reforestación das hectáreas queimadas na parroquia de Saiar. 

O alcalde de Caldas (PSOE), Juan Manuel Rey, sinala que "é unha moción pioneira na Galiza porque, aínda non sendo unha competencia municipal", procura "promover a cooperación interinstitucional, tamén co Concello de Vilagarcía e con todos os axentes afectados para evitar que as veciñas e os veciños das parroquias de Saiar, en Caldas, e de Cea, en Vilagarcía, sigan sufrindo estes incendios recorrentes, así como en calquera outra parroquia". 

O Pleno tamén aprobou a inclusión da cantidade de 10.000 euros nos próximos orzamentos municipais para cubrir os gastos soportados pola Comunidade de Montes de Saiar, e para compensala polos danos ocasionados de forma reiterada nos incendios sufridos no monte Xiabre por esta Comunidade. 

Ademais, proponse a construción e acondicionamento de pozos de auga, con aproveitamento da auga das traídas e dos regachos de caudais continuos, para situar pozos de recarga de motobombas en zonas de difícil acceso, nas área de maior afección de incendios, para o que se exporá a posibilidade de financiamento en colaboración coa Consellaría do Medio Rural. 

Vilagarcía demanda unha reacción “rápida”

Precisamente, a pasada cuarta feira o alcalde de Vilagarcía, Alberto Varela, anunciaba que o municipio implementará unha partida de 80.000 euros, que destina anualmente á conservación de montes do municipio, co obxectivo de recuperar o monte queimado de Xiabre.

Ademais, o rexedor e presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) pediu unha "rápida e eficaz" reacción á Xunta, que é "a que ten competencias sobre os montes da Galiza, para paliar os danos sufridos, así como no tocante á reformulación de políticas forestais".