Cal é o presente e o futuro dos medios de comunicación en galego escritos en papel?

Exemplares de xornais en papel. (Foto: Nós Diario)
A directora de Nós Diario, María Obelleiro, participa nunha xornada do Consello da Cultura Galega que analiza as perspectivas de futuro do xornalismo en formato papel que emprega o galego.

A Sección de Lingua, Literatura e Comunicación do Consello da Cultura Galega organiza a xornada 'Realidade e perspectivas de futuro dos medios de comunicación en galego en soporte papel' o vindeiro 10 de outubro no Pazo de Raxoi.

O evento busca “dar a coñecer e analizar a realidade actual dos medios de comunicación escritos en galego en formato papel, a súa resistencia e a súa adaptación nun contexto fortemente marcado pola dixitalización e pola crise económica”.

Segundo explica o Consello de Cultura Galega, esta “adaptación e supervivencia” dos medios galegos en papel implica un “cambio de modelo” non só a nivel xornalístico, no que atinxe ao tratamento e presentación da información, senón tamén a nivel de xestión económica e de audiencias, “ao mesmo tempo que se convive co formato dixital”.

Por outra parte, a xornada tamén pretende amosar “diversos modelos xornalísticos, desde publicacións culturais cunha longa traxectoria, até revistas especializadas no medio natural”.

Programa da xornada

A xornada comeza cunha palestra impartida polo catedrático de Xornalismo da Universidade de Santiago (USC) Xosé López García. A continuación seguiralle outra do director do medio Economía Digital e membro do Foro Económico da Galiza, Julián Rodríguez Moscoso.

Despois dunha pausa, será a quenda dunha mesa redonda na que intervirá a directora de Nós Diario, María Obelleiro, que, xunto con Fernando de Paz, de Tempos Novos, Diego Elías García Puente, de Terrachaxá; Carlos G. Hervella, de O SIL; e Guillermo Rodríguez Fernández, de A Peneira, conversarán sobre as “experiencias de medios escritos en galego en formato papel: os existentes antes do 2000 e os que foron aparecendo nos últimos anos”.

A sesión de tarde comezará cunha palestra do filósofo e escritor Ignacio Castro Rey, baixo o título 'O control da información na era dixital'.

A continuación terán lugar varios relatorios a cargo da comunicadora e xestora cultural Ana Díez; o  membro do consello de redacción de A Trabe de Ouro e de Nova Ardentía Francisco Fernández Rei; o membro do consello de redacción de Cerna Alberte Sánchez; o xestor cultural e un dos responsables de Farlopa.Fanzine Alejandro Nieves; e a profesora e directora da revista Saldoira, Marta Cortés.