Unhas xornadas no Pazo de Mariñán analizan os principais retos e obstáculos aos que se enfronta o xornalismo

A directora de Nós Diario, María Obelleiro, será unha das poñentes que participen nos faladoiros das I Xornadas Tecendo Xornalismo.
Exemplares de 'Nós Diario' nun quiosco de Compostela (Foto: Arxina).
photo_camera Exemplares de 'Nós Diario' nun quiosco de Compostela (Foto: Arxina).

As I Xornadas Tecendo Xornalismo, organizadas pola Fundación Luzes e a Revista Luzes en colaboración coa Deputación da Coruña, decorrerán os días 7 e 8 de outubro no Pazo de Mariñán, no concello de Bergondo.

As xornadas abordarán os diferentes retos e obstáculos aos que se enfrontan o xornalismo e os medios de comunicación na actualidade. Durante os tres faladoiros que decorrerán, intervirán diferentes profesionais relacionados e relacionadas co ámbito da información.

Así, o día  7 terá lugar o primeiro faladoiro, baixo o título Tabús e silencios nos/dos medios, no que intervirán o editor do medio dixital CTXT Miguel Mora; a ex redactora de Televisión Española (TV) e columnista de opinión Rosa María Artal; e o ex director de El País Jesús Ceberio. O catedrático de Comunicación da Universidade Rei Xoán Carlos (URXC) Víctor Sampedro, será quen modere esta conversa.

Xa o día 8 pola mañá decorrerá a segunda palestra destas xornadas: A contracorrente, O xornalismo activista, na que participarán a directora de Nós Diario, María Obelleiro; a directora adxunta de CTXT, Vanessa Jiménez; e o codirector da revista Q Code, Angelo Miotto. Neste caso, será o codirector de Luzes Xosé Manuel Pereiro quen modere este segundo faladoiro.

Finalmente, o mesmo día pola tarde rematarán as xornadas, cun último faladoiro no intervirán a escritora e reporteira especializada en Oriente Medio Olga Rodríguez; o xornalista de investigación do medio Internacional Rui Araújo; e o reporteiro de radio e ex correspondente nos Balcáns André Cunha. Este último faladoiro, baixo o título Un mundo revolto. De Iraq a Ucraína, será moderado polo presidente da honra de Reporteiros sen Fronteiras, Alfonso Armada.

Comentarios