Ómicron vs Alfa: isto é o que diferencia cada mutación do coronavirus

Fileira para facer unha proba PCR en Vigo o pasado 23 de decembro (Foto: Marta Vázquez Rodríguez / Europa Press).
Unha investigación publicada na revista 'Science' explica como actúa cada variante e ofrece unha visión do que serán as mutacións do futuro do SARS-CoV-2.

Unha nova investigación do laboratorio de Gary Whittaker, profesor de viroloxía no Departamento de Microbioloxía e Inmunoloxía da Facultade de Medicina Veterinaria da Universidade de Cornell (EUA), revelou información chave sobre a variante 'irmá' máis antiga de Ómicron, Alfa, que xurdiu a finais de 2020.

A mutación que deu orixe a Alfa en primeiro lugar é moi similar á que creou Ómicron, mais con resultados moi diferentes no que atinxe á gravidade de cada unha, segundo esta investigación, que se publicou na revista Science. Os científicos observaron unha importante mutación nunha rexión chave da proteína da espiga de Alfa, denominada sitio de escisión da furina. Crese que deste lugar provén boa parte da virulencia do virus. Con todo, "en realidade resultou ser relativamente intranscendente", apunta Whittaker.

Malia que Alfa tiña unha mutación notábel no sitio de escisión da furina, tiña pouco efecto na capacidade de Alfa para infectar células e causar enfermidades. Mais Alfa e Ómicron comparten a mesma mutación no sitio de escisión da furina, e nun fondo xenético diferente. Isto pode explicar por que Ómicron se propaga a gran velocidade pero parece causar unha enfermidade menos grave.

"Ómicron ten moitas das mesmas características que Alfa, así que o que aprendemos sobre ela axúdanos a entender Ómicron e as posíbeis variantes futuras", apunta Whittaker. A pesar de que Alfa pasou desapercibida en moitos países, a súa chegada foi importante desde o punto de vista científico. Foi a primeira mutación importante do virus SARS-CoV-2, que se produciu no sitio de escisión da furina.

Porén, esta mudanza en Alfa non supuxo unha gran diferenza no impacto da variante como enfermidade: foi necesaria a chegada de Delta, que presentaba unha mutación diferente nese mesmo sitio, para converter ao virus nunha arma máis letal. A evidencia cientítifca demostrou que, aínda que a variante Ómicron é moi contaxiosa, é moito menos daniña.

Ómicron, indica o virólogo, "volveu á casa de saída". "Volveu ao mesmo cambio xenético no sitio de escisión da furina que tiña a Alfa. Esencialmente deu un gran paso atrás na súa traxectoria evolutiva como axente patóxeno", explica. Isto foi máis evidente na capacidade da variante para causar a fusión de célula a célula, un signo revelador que se utiliza para determinar a capacidade do virus para causar virulencia no seu hóspede.

"Alfa fai que as células se fusionen. Delta fusionaría as células mesmo máis.... pero logo chega Ómicron, e as súas células hóspede non se fusionan en absoluto. Retrocedeu por completo", detalla o científico. Se os sitios de escisión de furina de Alfa e Ómicron eran esencialmente os mesmos, por que Alfa era unha variante máis mortal que Ómicron? A resposta debe estar noutra parte da composición xenética destas variantes, que os científicos esperan poder explicar no futuro.

Ómicron despraza Delta

Segundo os últimos datos fornecidos polo grupo de traballo de CovidBens, que analiza as augas residuais da área metropolitana da Coruña, a variante Ómicron está a desprazar por completo a Delta. Se ben antes do Nadal xa supuña 66% dos casos, agora a súa incidencia na cidade coruñesa medra até 86%, fronte a 13% de Delta e 1% doutras variantes do coronavirus.

Mais, con base tamén neste informe, as persoas expertas advirten unha ralentización dos contaxios, polo que o pico da sexta vaga podería chegar nas vindeiras datas.