Cal é a cidade galega con maior porcentaxe de habitantes que naceron nela? E a que menos?

Unha rúa dunha cidade galega [Foto: SG]
 53,3% da poboación galega reside no mesmo concello no que naceu; 31,2% noutro concello ou provincia distinta á de nacemento mais da Galiza, e 15,5% naceu fóra do país.

A poboación da Galiza no ano 2022 acadou a cifra de 2.690.464 persoas. Destas, 36,5% reside nunha das sete grandes cidades. Vigo é a que conta con maior poboación (con 292.374 persoas), seguida a pouca distancia da Coruña (con máis de 244,7 mil persoas), Ourense e Santiago de Compostela. Fecha a lista das sete grandes a cidade de Ferrol, co 2,4% da poboación da Galiza.

Segundo recolle o Instituto Galego de Estatística (IGE), 53,3% da poboación galega reside no mesmo concello no que naceu; 31,2% noutro concello ou provincia distinta á de nacemento mais da Galiza, e 15,5% naceu alén do Padornelo. Nos sete grandes concellos galegos, a poboación que reside no mesmo concello no que naceu oscila entre  46% de Ourense e 60% de Ferrol.

De feito, Ourense é a urbe galego con menor porcentaxe de veciñanza nada na propia cidade, só 46%, menos de 5 de cada 10. Séguelle A Coruña, concello onde só son coruñeses e coruñesas de nacemento 47,4% dos seus habitantes. En Compostela e Lugo esa porcentaxe de habitantes nados nas propias urbes é de 50%.  En Pontevedra é de 55% e en Vigo de 58%, co que a mauioría dos seus habitantes son, respectivamente, pontevedreses e vigueses de berce.

Mais a cidade galega con maior porcentaxe de, por dicilo así, ‘autoctonía’, é Ferrol, onde máis de 60% dos seus veciños e veciñas son ‘nachos’ 100%, de nacemento. 

 4,4% da poboación residente na Galiza é de nacionalidade estranxeira. Cinco dos sete grandes concellos galegos posúen porcentaxes de poboación estranxeira superiores á media galega. A Coruña presenta o valor máis alto en 2022  6,4% dos e das residentes neste municipio ten nacionalidade estranxeira), seguido de Lugo (6,3%) e Ourense (6,3%). Ferrol é dos sete grandes o concello coa menor porcentaxe de poboación de nacionalidade estranxeira, co 3,5%.

A estrutura poboacional galega está bastante envellecida. Diso dan mostra indicadores demográficos como a idade media da poboación ou o índice de envellecemento. No referido ao primeiro deles, os galegos e as galegas temos unha idade media de 48 anos.

A idade media nos sete grandes núcleos poboacionais de Galicia tamén supera os 40 anos, mais, con todo, e agás no caso de Ferrol, este indicador sitúase por debaixo da media galega. A cidade co indicador máis baixo é Pontevedra, cunha idade media de 45,1 anos en 2022.