Caixa Rural Galega colabora coa USC nun proxecto de investigación en acuicultura
O padroado da Fundación Caixa Rural Galega Tomás Notario Vacas destinou unha achega económica de 25.000 euros para contribuír á dotación de persoal ao proxecto durante un ano.
A Fundación Caixa Rural Galega Tomás Notario Vacas acorda coa Universidade de Santiago de Compostela (USC) unha achega económica para o proxecto de investigación titulado “Optimización da edición xenética CRISPR/CAS9 para mellorar a resistencia a enfermidades en acuicultura”.
O proxecto nace dunha colaboración entre os grupos de investigación BioPhysChem e Acuigen, no Campus Terra da USC, coa finalidade de optimizar os métodos de introdución de material xenético nas células. Os investigadores perseguen melloras na produción sostíbel e saúde animal utilizando nanopartículas como vehículos de transporte e combinando técnicas de edición xenética con microscopía de fluorescencia. En definitiva, o obxectivo é conseguir un impacto directo na mellora da saúde animal na acuicultura, un sector chave para a economía galega.
O proxecto está liderado polo investigador postdoutoral Álvaro Jesús Arana Díaz e conta co apoio das investigadoras Laura Elena Sánchez Piñón e Mercedes Novo Rodríguez. Este proxecto tamén conta co interese da empresa Diversa, unha spin-off do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela (IDIS), que desenvolveu unha tecnoloxía de transporte e introdución de material xenético no interior celular e que será avaliada neste proxecto.
A achega da Fundación, 25.000 euros, destinarase á contratación de persoal investigador por un período dun ano.
A Fundación Caixa Rural Galega Tomás Notario Vacas reafirma o seu compromiso coa investigación e o desenvolvemento científico, nesta ocasión no ámbito da acuicultura, un sector estratéxico para a Galiza, e continúa apoiando proxectos que contribúan á mellora da saúde animal e a sustentabilidade.

