A Fundación Caixa Rural Galega convoca dúas bolsas para estudos superiores

Convoca a Fundación Caixa Rural Galega (Foto: Nós Diario).
As persoas solicitantes deberán posuír un título universitario e ter algunha vinculación coa Galiza.

A Fundación Caixa Rural Galega-Tomás Notario Vacas fixo pública esta sexta feira, a través dun comunicado, a apertura da primeira convocatoria de bolsas de estudos de pos grao.

Trátase, en concreto, de dúas bolsas para a realización de estudos superiores ou mestrados "coa finalidade de formar profesionais nos centros máis vangardistas co propósito de que poidan achegar coñecemento ao tecido industrial galego".

Os estudos deberán estar relacionados co ámbito agroalimentario e forestal, un sector "ao que se pretende prestar unha atención especial", din desde a Fundación.

Cada bolsa terá unha dotación máxima de 40.000 euros que poderá destinarse a matrícula e estadía e cuxo importe definitivo dependerá do lugar e centro no que se realicen os estudos.

Para poder optar a algunha das bolsas, as persoas solicitantes deberán posuír un título universitario e ter algunha vinculación coa Galiza, e poderán ser estudantes recentemente licenciados ou profesionais que xa estean a traballar na actualidade.

A selección dos bolseiros, salientan, "basearase en criterios como a formación académica previa do solicitante, a traxectoria profesional, no caso de que exista, e o proxecto de estudos a realizar, así como a súa aplicación posterior".

As bases e formulario de solicitude están dispoñibles na páxina web de Caixa Rural Galega e o prazo de presentación de solicitudes ficará aberto até o vindeiro 6 de maio.